DO MILAGRE QUE OBROU NOSO SEÑOR SANTIAGO EN AUGAS DE SARTAXES

AREAL DE SARTAXES, ABUÍN, LEIRO.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Xilvira de Sartaxes, co mar de testemuña,
dou conta dun milagre dos que o Señor Santiago
obra con peregrinos que pasan pola ría
camiño a Compostela para alí visitalo.

Andaba aos mexillóns pola seca de agosto
descalza de pé e perna despois do medio día.
Cantaba o reiseñor nas polas dos loureiros
e o sol xogaba ás sombras coas parras albariñas.

Vin daquela aboiar acó de Cortegada
un home que acenaba abrazado a madeiros.
Puxen rumbo á gamela que meu pai ten na auga
por me achegar a el e ver de socorrelo.

Cecais fora atacado polos salteadores,
que estaba malferido, sanguiñento e sen azos.
Axudoume a subilo, miroume con tenrura
e caeume amodiño sen sentido nos brazos.

Xa con el na gamela volvín para o areal
e subín ata a casa polo atallo fondeiro
levando aquela carga maltreita e magoada
laiándose aos pouquiños e apoiada no ombreiro.

Estaba a miña xente sentada baixo a parra
a falar delongado e a disfrutar do viño.
O can veu cara nós, inviso e silandeiro,
e lambeulle as feridas a aquel descoñecido.

Mi padre preguntoume, ao velo así mancado,
que quen era aquel home e de onde o traía,
e mi madre ordenou de lle darmos pousada
e de que eu lle fixese a cura das feridas.

E mentres lle vendaba as carnes encetadas
xa lavadas con ruda e romeu fervidos,
el debía lembrarse de cousas pracenteiras
pois en vez de queixarse debuxaba sorrisos.

E bicoume nas mans. Levantou a cabeza
e púxose a falar como mirando ao ceo
co son engaiolante da palabra estranxeira
e a voz máis acendida que fogueira en inverno.

Á fonte de Abuín subinlle buscar auga
e apañarlle pexegos ao volver de camiño
namentres que el quedaba no escano da cociña
durmido como un anxo, pobre malpocadiño.

Cando volvía á casa reparei que no fondo
se afastaba unha barca avanzando no mar
coa cuncha de Santiago naquela vela branca
que nunha tarde calma ía empurrando o ar.

E desaparecera da casa aquel ferido
cando entrei levarlle auga e ofrecerlle os pexegos,
pero as vendas sangradas que quedaran no escano.
perfumaban a casa con sagrado arrecendo.

ILLA DE CORTEGADA
Publicado na Revista Guadalupe. Rianxo. 11-18 SETEMBRO 2015

Advertisements