POBREZA, UNHA E DIVISIBLE

castel7

Na actual economía, a pobreza, demasiado ampla para atacala enteira, fixérona sectorial: enerxética, infantil… É unha maneira de falar, porque a pobreza segue a ser unha e onde se instala aplana todo e é difícil de remover. Aínda así, esta división vale de recurso para lle poñer remendos. A infantil alíviase cos comedores escolares durante o curso e prolongación no verán. A enerxética, con subsidios para poder alumar e quentarse algo de inverno… O ideal sería erradicar a pobreza no seu conxunto dentro dunha sociedade solidaria que repartise mellor os recursos. Pero hoxe son pobres ata os que teñen traballo pagado con soldada miserable ou dependen de contratos por horas ou por días soltos. Superar esta lacra vai ser difícil de camiño a un neoliberalismo salvaxe que pon toda a actividade humana ao servizo dos cartos.

A pobreza é tan vella como a humanidade. Na prehistoria loitábase xa pola posesión do lume, daquela a riqueza potencial. Quen non o tiñan, viñan a ser os pobres. Cando se chegou á escravitude, os pobres perderon a dignidade da persoa converténdose en mercadoría produtora de riqueza. A sociedade civilizada aboliu a escravitude de dereito pero segue a ser explotadora cando a situación llo permite coa globalización no terceiro mundo ou con reformas laborais que someten os traballadores á elección do prato de lentellas: coller o que hai ou deixalo. Ata a emigración se volveu unha arriscada aventura con alto perigo de morte. Os pobres tiveron sempre conciencia de selo, aínda que se manifestase neles de diferente xeito e lle buscasen solucións non sen enxeño. Un dos nosos poetas, Mendiño, era pobre que tal significa o nome co que entrou na historia da Literatura porque era artista. Os nosos paisanos pobres actuaban vestidos de máis pobres ante a xustiza ou a recadación de trabucos, preservando da cobiza engulidora o pouco que posuían. Recordemos a viñeta de Castelao na que o representante do fisco recriminaba duramente a un paisano investigado: “Decías que eras pobre e tiñas unha vaca”. Algunhas crianzas pobres levábanse ás casas grandes onde quedaban de por vida, índa que poucas veces cobrasen soldada. Outros xa eran os pobres de pedir, que andaban de porta en porta e sempre atopaban unha cazolada de caldo e un feixe de palla para durmir a cuberto. Hoxe eses pobres son os “sen teito”.

Publicado en El Correo Gallego (28-08-15)

Advertisements