O AGRO PONSE AO DÍA

11920603_10206112410427249_550818337_n
O mundo rural debe integrarse plenamente na sociedade para ser algo máis que valiosa memoria conservadora das mellores tradicións. Isto só se consegue coa a implicación de persoas que crean nas transformacións integradas, mesmo con aparencia de arriscadas. Aí temos ese Festival de Cans, co que xentes do cinema, por analoxía fonética do topónimo cun dos grandes escenarios da exposición cinematográfica, converteron as estruturas do espazo agrario nun lugar simbólico da mellor creación audiovisual que cada ano engaiola a máis público co gozo do traballo artístico e a dignificación do modo de vida da xente.

Para non quedar deserto, o campo ten que medrar na apertura a medios de vida especializados que fagan del un lugar de oportunidades. Ten que abrirse a unha concepción ampla da vida social e do traballo. Ten que ir cos tempos e ser un habitat cómodo para calquera persoa que queira permanecer nel, facilitándolle o desenvolvemento pleno da súa vida social, económica e afectiva. Ten que ser un espazo modernizado no que medren de novo os cultivos ecolóxicos –o campo foi ecolóxico ata que deixou de cultivarse de forma tradicional- e onde se instalen produtores e transformadores das súas materias primas. Ese espazo moderno facilitará a vida dos habitantes integrándoos sen prexuízos propios de tempos idos e de sociedades que miran con receo todo o que se percibe diferente.

Por iso me prace parabenizar hoxe a persoas gays, creativas e emprendedoras como Braulio Vilariño, Davide Salvado, Laura Halçague, Marta Álvarez, Adrián Gallero e Gina Gisbert, que se xuntan na Terra de Ulloa para compartir traballos e experiencias, entre elas a organización dunha actividade lúdico-festiva que axuda a facer do agro un novo lugar de convivencia plural no que desenvolver a vida con normalidade. Refírome ao Festival Agrogay da Ulloa, que mostra a diversidade persoal e a vitalidade do noso agro da man deste grupo de amigos e amigas que cultivan a terra, viven en harmonía coa natureza e constrúen unha sociedade agraria rexida pola liberdade de opción sexual, e os principios de sostenibilidade, ecoloxismo e respeto ao patrimonio. Na Granxa Maruxa de Monterroso, propiedade de Marta Álvarez, que dá traballo a cinco personas e fabrica as multipremiadas galletas de nata “Maruxas”, a pasada fin de semana celebrouse a II edición, con grande asistencia de mocidade.

Houbo música, feira de artesanía, obradoiros, maxia, humor, exposición fotográfica, intercambio de sementes e xira polos bares de Monterroso. A festa acabou no Complexo Turístico d’ A Peneda na madrugada. Nesta convivencia de cambio mostrouse o apoio á gandería galega, en crise de supervivencia. Os concertos, aos que asistiu tamén a vecindade, estiveron presididos por unha gran pancarta colgada de dous carballos centenarios: “Pola economía do rural loitemos polo sector lácteo”.

Publicado en El Correo Gallego (05-09-15)

11938918_10206112411347272_1870098751_n

Advertisements