TRACTORES PROTAGONISTAS

11992201_10206178453838293_923419692_n

Non se lles pode negar aos tractores agrícolas o gran protagonismo do pasados días. Coas rodas que contribúen a cambiar os vellos pasos de carro e os camiños, chegaron avantando a vilas e cidades nunha vía láctea simbólica e terrenal en representación do traballo dos gandeiros e gandeiras para producir o leite –oxalá se use agora ben o nome leite en masculino!- seriamente ameazado pola realidade económica dos custos e das vendas que non llelos cobren. Como o ubre da cabra da galaxia, tamén esta vía verteu leite e o deuno, en compensación polos atrancos que causou coa protesta. Os tractores tardaron algo en chegar ao noso campo, porque aquí case todo veu chegando tarde. Non son ben levados co minifundio nin coa máis dura das orografías, pero unha vez instalados converteron a terra nunha nova paisaxe, porque tras deles veu a modernización, e a especialización dos cultivos e da gandería. Os nenos galegos, en maior medida que as nenas, empezaron a recibilos como xoguetes e aprenderon as marcas como facían antes coas dos coches os que vivían nas vilas e cidades, utilizándoas para os seus xogos de competición canda os aparellos que o tractor precisa para realizar os diferentes labores. Porque os tractores son forza para tirar doutros instrumentos de mecanización do traballo, non un fin en si mesmos. No seu papel de tractores, foron agora forza para tirar pola dignidade do noso campo tratando de normalizar a produción leiteira, que é un dos seus recursos actuais.

Galicia é terra de vacas e de leite, como tamén o é de auga e de pedra. E á terra do leite chega leite producido noutros lugares en inxusta competencia de prezo co que dan as nosas vacas, en virtude da combinación das variables que interaccionan nun mercado con intermediarios. Os gandeiros e gandeiras son os grandes prexudicados, pero non só precisan solución as persoas dedicadas ao coidado e explotación do gando, sendo a máis urxente para a súa pervivencia a curto prazo. O campo galego precisa mans e máquinas que o traballen para ser útil á economía, á sociedade e á natureza. Para que continúe vivo, os traballadores e traballadoras que o explotan, o atenden e coidan del, teñen que ter unha vida digna. O labor das persoas dedicadas á gandería é moi duro, pois non contempla horas libres, festivos nin vacacións. Atenden a seres vivos que precisan atención moi regrada e continua. De non teren expectativas de trato xusto, o noso campo será inevitablemente abandonado polas xeracións máis preparadas e conscientes da súa necesaria conservación. Pero non o farán de balde nin perdendo cartos no seu empeño. Por iso cremos, tal como dicía nesta mesma páxina María Luisa García Gil, que a solución ao problema do leite é unha cuestión de estado. As persoas que se dedican a administrar e deseñar as políticas públicas teñen que ter en conta a visión destes tratores mostrando ao público a necesidade de defensa da subsistencia do campo tanto como da súa propia explotación.

Publicado en El Correo Gallego (18-09-15)

Advertisements