XANELA

11863427_10200966053509245_2204443377965480242_n

Asimetrías
de quen mira e quen ve,
de van e pedra.

Advertisements

POLO LUGO ORIENTAL

IMG_7855
Empecei esta semana cunha volta polo Lugo oriental para atender deberes de amizade e espraiar algo o espírito. Nacida en terras de montaña, a paisaxe telúrica segue chamando por min para un reencontro que adoito praticar. A primeira parada foi de dó, no enterro dunha persoa vinculada á miña familia no cemiterio de Nullán (As Nogais). A aldea de Nullán ten xa baleiras casas grandes que son historia. Na igrexa, con espadana interior, a maioría dos santos foron tallados por artesáns e é difícil atribuírlles época pero destacan pola súa expresividade simbólica. Tras do dó no cemiterio, sigo de camiño. Outra pequena parada n’O Cebreiro móstrame as présas que colleu o tempo para converter a paisaxe wagneriana que eu atopaba alí nun parque temático de merchandising de turismo xacobeo en alta concentración. Afortunadamente, a igrexa segue a ser a mesma e ben coidada, o templo d’O Cebreiro-Monsalvat onde Galaaz rende a súa espada ao atinguir o misterio do Sant Grial, segundo o viu D. Ramón Cabanillas. Mágoa da decadencia da Hospedería San Giraldo de Aurillac que formaba conxunto co templo. É de salientar un espazo de honra habilitado entre ambos edificios para lle render xustiza ao párroco Elías Valiña Sampedro, que puxo os alicerces deste novo Camiño Xacobeo.

Chegada a Samos á hora cantada por D. Ramón Cabanillas, ilustre albergado no mosteiro onde estivera o Padre Feijóo: “Ó solpor, cando o vento manseliño/ enche de bicos as folliñas, tenras,/ seu rumor é un versículo do salmo/ da natureza”. Samos é un recanto de paz, vila que paga a pena frecuentar pola sintonía que garda co magno edificio. E de Samos cara O Caurel, as montañas que teñen engado paisaxístico, xeolóxico, etnográfico e gastronómico, onde acabaría a pequena escapada. Alí hai casas de turismo rural que levan á mesa desde troitas do Lor a xabaril con castañas, pasando por charcutería caseira de calidade. O motivo da viaxe era a celebración da Virxe da Ermida o día oito, romería que, como na arquitectura relixiosa románica, presenta a realidade da vida á que non escapa a relixión. O ben e o mal, o propiamente relixioso e o profano ocupan como antano o seu lugar na procesión. O diaño Meco con peculiar careta que lle cobre a cabeza, rechamante traxe colorado e unha vasoira de toxos vai diante preparando o paso de procesión coa varrida. Cando acaba o desfile, defendenderase usando as lacerantes espiñas do público que se mete con el e recollerá as moedas que lle tiran. O outro elemento de interese son dúas pampórnigas –feminina e masculina- danzando diante da procesión ao son que executa un grupo de gaiteiros marcando o paso. Estes compoñentes non entran na igrexa, pero son parte constituínte dunha procesión singularmente conservada. A viaxe rematou cunha visita vespertina á gran igrexa do Hospital, senlleira pola ábside interior e o cruceiro de base circular.

IMG_8141

Publicado en El Correo Gallego (11-09-15)