Estase a celebrar no Campus de Ourense da Universidade de Vigo un ciclo de actividades relacionadas coa Literatura Infantil e Xuvenil: “A pegada das mulleres desde a tradición oral á actualidade”. Coordínao a profesora Isabel Mociño González e foi programado para que, quen chegue a exercer o profesorado, poida estimular a afección pola literatura, a lectura que máis contribúe á educación integral por arriquecedora nas múltiples necesidades da comunicación verbal. Aínda así, é unha actividade aberta á que acoden tamén profesionais en exercicio e persoas interesadas no tema da educación nas primeiras etapas da vida. Polo ciclo pasaron e van pasar escritoras e escritores con experiencia no traballo pedagóxico e na creación literaría, oral ou escrita.
O papel das mulleres no cultivo literario destinado á infancia foi moi importante, tanto que, ata non hai moito, atribuíasenos esta modalidade como a propia para o noso xénero xunto coa poesía lírica. Porque a función de nai educadora ou mestra dos primeiros niveis –recordemos que para rexer un parvulario había que ser muller- favoreceu que que fabulasen para aquelas criaturas que lles foran encomendadas para a súa crianza ou educación institucional. Hoxe, a valoración da capacidade das creadoras debe ser moi outra, polo que teñen aportado a todos os xéneros literarios, sen límite de idade prevista para a recepción, en obras situadas en pé de igualdade cualitativa coas dos homes. Ao mesmo tempo, moitos homes foron incorporándose ao oficio de transmitir, mediante a palabra escrita e aínda oral, emocións líricas e historias que estimulan a sensibilidade e a fantasía das crianzas. En calquera caso, o achegamento á literatura debe acontecer moi cedo e discorrer por etapas que se suceden e superpoñen. O primeiro encontro de meniñas e meniños coa palabra literaria dáse no fogar e na Escola Infantil cando teñen moito poder os afectos. Os contidos son de transmisión oral. Anainas, cántigas, adiviñas, trabalinguas, ledaíñas, contos populares e lendas son as fontes literarias para este tramo de vida.
A segunda fase acontece na Escola Primaria cando se adquiren as habilidades lectoras. Debe ser igualmente pracenteira e apoiada pola casa. Continúa así o trato co valor lúdico do idioma e a descuberta de universos onde a palabra suxire máis do que di, liberada do uso cotidiano. A biblioteca cobra toda a súa importancia como espazo privilexiado de encontro cos libros que conteñen os elementos máis creativos e innovadores da comunicación verbal e van influír tamén na expresión propia abrindo o camiño para a conquista dun estilo propio na expresión das propias fantasías. Pouco a pouco o alumnado mellorará toda a comunicación escrita, sempre máis elaborada que a habitualmente empregada na oralidade. Como meta desta aprendizaxe literaria debería marcarse, xa ao final da Secundaria Obrigatoria, un mínimo acceso aos clásicos, tanto da cultura propia como da cultura universal.
Publicado en El Correo Gallego (30-10-15)