VACAS SEN MATRÍCULA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pola década dos cincuenta, empezaron a construír en Becerreá unha estrada que, segundo os planos, chegaría a Quiroga. A vila que cruza a NVI e da que xa partían estradas cara Navia de Suarna e Sarria viu con alborozo aquel comezo, a pesar de que habería expropiacións de terras de labradío en Fillobal que nunca serían suficientemente pagadas para os seus donos e que, alén diso, tardarían en cobrar, como así foi. Pero a desexada vía naceu con moi mal pé. Avantando aos poucos cara á ponte de Valicedo e á aldea de Vilar de Ousón, quedou alí, a poucos quilómetros, esquecendo o seu destino. A apertura deu orixe a algúns solares na vila e a un espacioso paseo para camiñadas de afeccionados ás vistas de excelencia, pois xa desde a primeira das grandes voltas se ve o río Narón ou San Martiño, que pasa por Cruzul, e a ponte histórica que permite superalo traendo á memoria a época da Ilustración. Na seguinte volta, pode admirarse a subida da valgada do regato de Valicedo ata o Alto de Cotarelo coa súa flora de ribeira con árbores autóctonas. Desde este punto, a terra recobra o poder telúrico da montaña, aínda moi cerca da poboación que queda atrás, e empezan a escoitarse as chocas das vacas de Vilar que pacen nos prados en pendente. Os paseantes teñen sombra e poden andar prácticamente libres de circulación rodada. Porque a estrada, que aínda lle din de Quiroga, que se nomea oficialmente como LU-632, non ten máis tráfico que o preciso para as cinco familias resistentes contra o abandono que conforman hoxe a vecindade e para as vacas que andan por ela un traxecto antes de baixar aos prados.

Quizabes por iso está francamente deteriorada como vía de tránsito e pouco se diferencia dun camiño dos de sempre segundo se avanza nela. Este xaneiro, os escasos habitantes afectados tiveron unha xuntanza con políticos locais e provinciais do PP para lles dar conta do deterioro no que se atopa e eles comprometéronse a impulsar as xestións necesarias para que a Xunta lles amañase debidamente o vial. Quen sabe se, para observar o estado de conservación e dar conta a quen procedese para o amaño, se desprazou a Vilar de Ousón polo idílico paseo unha patrulla da garda civil de tráfico, porque non é habitual nin sequera probable que circulen por alí cara a ningures. Nas cercanías da aldea atoparon un gandeiro coas vinte vacas dunha das poucas granxas da comarca que perden habitantes en constante goteo por falta de desenvolvemento de medios de vida. Segundo declarou o dono, ían pola beira, guiadas por el coa axuda de tres cans pastores que as acompañan sempre, porque así o veñen facendo desde que comezou a explotación e xa antes, ao non ter a aldea outra saída. Con gran sorpresa pola súa parte, foi sancionado con dilixencia polos axentes, como se se tratase dunha estrada de verdade. E o máis curioso aínda non é a multa, senón que no impreso da sanción as vacas aparecen clasificadas como “vehículos de clase b sen matrícula”.

Publicado en El Correo Gallego (02-10-15)

Advertisements