FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA

RURURBANIA SALNÉS

Outono fotográfico é un festival que se celebra en Galicia e o norte de Portugal con exposicións e actividades formativas. O impulsor deste festival fotográfico, o segundo máis antigo do mundo, foi Benito Losada, xestor cultural de grato recordo na Cidade das Burgas. Catro anos despois da súa morte, segue, tras 33 anos, impulsando eventos importantes no mundo da fotografía, como é o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Este premio promove a fotografía máis actual, e o pensamento e cuestións éticas que se poden xerar arredor dunha das expresións fundamentais da creación contemporánea. Para tal fin, constitúe un espazo fotográfico que complementa todo o creado durante máis das tres décadas polo Outono Fotográfico con propostas de autores e autoras nacionais ou estranxeiros sen límites estéticos nin técnicos. O premio encárgase de producir unha exposición, a edición dun libro -en Difusora de Letras, Artes e Ideas- e a promoción do traballo premiado itinerando a mostra e distribuíndo a publicación.

A terceira edición do premio deu como gañadora a Eva Díez co traballo «Renacer». Segundo o xurado, “un traballo fotopoético que pon en marcha de forma radical as oposicións esenciais da fotografía: luz e escuridade, primeiro plan e plano de fondo ancorados por insinuacións de plans medios, vacío e porén presenza máis alo do que vemos”. Canda o fallo, presentáronse os libros que recollen os proxectos de dous artistas premiados ex aequo na segunda convocatoria, Berto Macei e Jose Romay. Chegan agora ás miñas mans e deixanme gratamente sorprendida, pois teñen moitas ensinanzas para a miña última experiencia creativa. Son proxectos que seguen dúas das posibles direccións que pode elixir o artista que usa unha cámara fotográfica como expresión da súa maneira de mirar o mundo e de ofrecer esa visión á percepción doutros ollos.

Le cirque noir, de Berto Macei é unha aposta pola visión esencial do momento, a captación da trastenda dos feitos, os fundidos en negro, o valor dos pequenos detalles, o expresionismo cinematográfico e a gradación dos matices. O carácter intimista acércao ao lirismo fotográfico. O autor é partidario de facer esculcas interiores ata atoparse a si mesmo para despois proceder a executar a obra e lanzala como unha proxección do fotógrafo. Toda a proposta é unha fermosa creación arredor do circo onde os pequenos detalles envolveitos en sombras nos fan vivir en conxunto variadas emocións.

Rururbania Salnés, de Jose Romay, é un traballo aberto ao aire libre do día, que recolle aspectos dos grandes cambios do rural para os que non se preveu regulación, ese mundo das grandes mesturas que se producen cando as intervencións sobre a terra e a paisaxe non as rexe ninguén, o urbanismo vai por libre e se perde o valor do pasado. Un traballo colorista onde o autor mostra que “o feísmo non é unha anécdota visual inofensiva, é unha metástese”.

LE NOIR DU CIRQUE

Publicado en El Correo Gallego (09-10-15)

Advertisements