DEIXAR O TEMPLO (Tetraloxía)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

I

Pasa a auga de noite
polos ollos da ponte.

Non sei de onde viña,
porque daquela non era miña.

Sen saber onde vai dar,
xuntareime con ela no seu cantar.
II

Misteriosas mulleres
que falaban de bálsamo e ferida
chegaron ao meu soño para un ágape
deixando esparexidas palabras pola casa.
Lenes, festivas, tristes, duras, acusadoras,
quedaban engarzadas nas paredes
brillando como lámpadas
e aos poucos ocupaban todo o espazo
co perfume que fai da casa templo.
Non sempre ao espertar se acaba o soño
e eu estrañei a casa que me apagou a voz
tras o paso daquelas oníricas mulleres
que deixaron enreixadas as xanelas
e esqueceron poñerme pechadura.
III
Pronunciáronse as cousas que me queren
moi señardosas: “¡Vaste!”
Non vale a negación
se acariñas as táboas, as paredes e os mobles
para deixar pegadas baixo o póo
que o sagrado apaxoa sobre as cousas.
Fóra cantaba o río no solpor
co laúde que pon compás ás ninfas
cando o aire arrecende a despedida.
IV

Polos ollos da ponte
pasa a auga de noite

Porque daquela non era miña
non sei de onde viña.

Xuntareime con ela no seu cantar
sen saber onde vai dar.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado na revista de poesía Xistral (nº 18, ano 2015)

Advertisements