MALAS NAIS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Os problemas que hoxe se lles presentan ás mulleres para ser nais son tantos e de tal magnitude que un grupo de traballadoras cualificadas en diversas especialidades da arte, ciencia e tecnolxía, decidiu poñer en común as súas experiencias de loita e frustración persoal e profesional promovendo o “Club de malas madres”. Utiliza como medio de expresión e de intercambio un blogue de idéntico título e tamén as redes sociais. Á iniciadora, Laura Baena, creativa publicitaria, acompáñana neste sorprendente –sempre para ben– clube nais con profesións variadas: xornalista, directora de arte, terapeuta humanista, economista, farmacéutica nutricionista, consultora de beleza, psicoterapeuta infantil, emprendedora, mestra e psicopedagoga, publicista, experta en atención temperá e intervención psicomotriz, veterinaria, educadora canina, coaching, sexóloga, e especialista en DIY, a maioría delas con afeccións compartibles como cociña e deportes. Sen dúbida, son persoas excepcionais, capaces de conciliar maternidade, profesión e solidariedade con esa cantidade enorme de mulleres que, en contra de todas as dificultades, deciden ser nais e facerse cargo do coidado das criaturas tendo comunmente a sensación de que non o fan ben, de que non as coidan coa atención debida das consideradas “boas”, pendentes da súa prole porque fixeron da maternidade o oficio principal da súa vida.

Descubrín as “malas nais” –canto sentido do humor destila a nomenclatura!- cando unha amiga recén parida me confesou a súa desorientación ao verse co meniño no colo. Aínda que estivo pendente dos cursos e consellos dirixidos a unha maternidade máis madura pola idade das nais, conscientemente desexada e con preocupación porque o embarazo, o parto e a lactancia sexan procesos naturais, chegada a hora de verse coa realidade sentiu o baleiro de quen non sabe nada, a tristeza dunha depresión posparto e a soedade coa que se encontraba para se enfrontar con ese futuro que xa estaba en presente. Cría que debía sentirse contentísima, pero non o estaba. Tampouco se atrevía a confesarllo á súa parella para non fracasar tan axiña no empeño. En agradecemento á confianza de acudir a min como á nai que non tiña, quixen axudarlle a superar ese agobio e, nas miñas incursións polas redes, atopei este espazo de intercambio, información e loita por un mundo máis xusto para quen decide prestarlle á sociedade o impagable servizo de ser nais, única garantía de futuro. Segundo a OIT, a muller gaña un 17% menos que o home polo mesmo traballo e a nai un 5% menos que a que non o é. Unha das razóns desta fenda salarial é a falta de conciliación social e familiar, que carga o coidado da descendencia nos ombreiros femininos. E a todas estas, unha marca especializada en produtos de alimentación lanza esta publicidade: “Se non queres que o teu fillo che chame mala nai por obrigalo a comer, dálle…”. Intolerable expresión, abofé. E non só alimentaria, senón, e sobre todo, educativa.

Publicado en El Correo Gallego (16-10-15)

Advertisements