OS TRAXES NA POLÍTICA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Teño dificultade para me desfacer da roupa que me gusta e se conserva. Sálvame das consecuencias deste costume, que en tempos de bonanza ía moi decaído, non ser política. Así podo repetir modelo cando queira e ata non ter estilo, a non ser o meu. Por iso faría o mesmo que Manuela Carmena se me vise en obriga de asistir como anfitriona a calquera acto público de alto copete e pertinaz retransmisión nos medios. Iría con ese vestido que me gusta e me senta ben, aínda que leve o seu tempo no armario. A entendida en estilismo dun xornal madrileño dixo, na súa crónica de vestimentas femininas, que ía como unha funcionaria de Correos dos anos 40, con todo o desprezo non só a ela senón á comparanza. Puido ter interpretado ese vestido como moda vintage, pero foille moi tentador meter a que foi xuíza nunha época e nun traballo ben afastados do que ela representou como muller de vida plena non exenta de riscos mesmo para a súa vida. E tamén do que representa hoxe: unha alcaldesa demócrata seria que quere facer política doutro xeito.

A aludida respondeu, cando lle pareceu oportuno, que o traxe era antigo pero que adoitaba aproveitar as cousas. Sospeitabamos da súa austeridade, pero sabela posuída do espírito de reusar e reciclar, a min elévama como persoa e como servidora pública. O que se fai coa vida propia ten moito que ver co que se fai cos asuntos alleos e seguramente mirará cos mesmos ollos e aplicará a mesma receita aos bens comúns que foi chamada a administrar.

Nestes últimos anos, as prendas e complementos dos políticos e políticas convertéronse moitas veces en pedra de escándalo por iren unidos á corrupción que proliferou como os cogomelos no outono e encheu a moitos servidores públicos de glamour. Traxes masculinos de seda con pantalóns ben encinturados, elegantes bolsos de Vuitton para señoras, inusultantes reloxos Rolex para pulsos… Ían divinamente vestidos e vestidas sempre á moda, pero á vista do resultado, esa elegancia saíanos do peto. Descuberto tan impopular proceder, madia leva, e para ensaiar o parecido coa xente máis normal que irrompía na competencia, saltaron as garavatas e os botón das camisas e naceu nova estética para a elite masculina. Nelas a penas se notou aínda. Coas mulleres hai máis esixencia, pois deben andar impecables ao servizo da moda máis machista. Ás veces soportan costuras que ata nos apretan ás que miramos. Pero a falta de traxeo na política, se é algo máis que un ensaio, non acaba de lle gustar a certa xente porque non se adapta á clase política predefinida. Abonda con ler a descrición dun alcalde das mareas que publicou unha escritora de renome nun dos xornais galegos falando da vestimenta coa que chegou ao San Froilán de convidado. Se Manuela Carmena non saía favorecida coa comparanza, o pobre rexedor quedaba peor parado. Tanto que se compara cun indixente cuxa presenza atentaba contra o decoro, esa palabra xa en desuso para a integridade moral dalgúns moi traxeados.

Publicado en El Correo Gallego (23-10-15)

Advertisements