O DRAMA DOS FEMINICIDIOS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Non quero pensar que, mentres escribo isto, estea a nacer unha meniña que trae, como superposto ao seu ADN, o dramático destino de morrer algún día a mans do seu mozo, parella ou exparella. E tampouco quero crer que unha muller estea dando a luz un meniño cuns puñiños pechados que leven escrito en letras invisibles o designio criminal de ser o autor dese feminicidio. En primeiro lugar, porque as dúas caras da moeda infame dunha relación sentimental antinatura non están dirixidas polo fado, senón polas circunstancias que se van desenvolvendo coas biografías. A dela, polo sometemento e consideración de ser propiedade dun amo a nivel máis baixo aínda que o da escravitude. A del, por descoñecemento dun modelo de relación afectiva en igualdade que cree empatía e amor san con respecto pola muller como ser libre. Nesas condicións, calquera desculpa desencadeará o drama que non lle permitirá a ela vivir en paz ou vivir simplemente, nin a el non sentirse obrigado a exercer a violencia psicolóxica, física ou mortal para consolidar a súa condición de home.

En segundo lugar, non pensarei que pode pasar iso porque unha solución global a este problema non debe tardar. Non pode tardar. Non hai situación que cree máis terror nunha vítima que este. E como un caso de terrorismo debe ser tratado para prevenilo e para afrontalo mentres teñamos a desgraza de que persista. Non valen teorías engañosas que perpetúen o machismo. Non valen solucións baleiras de contido. Non vale alzar os ombreiros nin afeitarse cara arriba. Non vale elaborar estatísticas para nada. Hai que actuar con contundencia. Non son as mulleres en solitario as que teñen que organizar movementos de condena cada catro días. O problema non é feminino, aínda que sexan as mulleres quen o padezan en toda a súa crueza. O problema é da cidadanía. Toda a sociedade está afectada e ten o deber moral de asumilo, porque é ela quen fracasa, e solucionalo. A clase política con manifestacións de dó para outras mortes tráxicas, os que pretenden ser dirixentes morais facendo pomposas declaracións contra a elección persoal de vida que non lle gusta, os clubes manifestantes que se consideran os grandes defensores da vida, ¿que fan perante este raio que non cesa? Os feminicidios, dá a impresión de que non lle quitan a tranquilidade máis que ás familias e achegados das vitimas e ás persoas que en minoría están dispostas a facer desta loita a súa loita, moi particularmente as mulleres feministas, máis conscientes das causas e do alcance desta gravísima anomalía da convivencia.

A lacra pararase coa conxunción de vontades actuando, ao mesmo tempo, na previsión educativa familiar e institucional, na prevención e axuda ás posibles vítimas, e na efectiva protección a quen está en perigo, vixiando os maltratadores denunciados. É de esperar que todos os partidos políticos estuden un problema que ocasiona mortes, sufrimento e orfandade, e mostren propostas de solución na súa campaña electoral.

Publicado en El Correo Gallego (06-11-15)

Advertisements