CHAIREGO DE HONRA

DAVID OTERO RECIBE O SÍMBOLO DO GALARDÓN DAS MANS DA PEDAGOGA ANTÍA CAL

DAVID OTERO RECIBE O SÍMBOLO DO GALARDÓN DAS MANS DA PEDAGOGA ANTÍA CAL

O profesor, escritor e activista cultural David Otero vén de ser nomeado Chairego de Honra pola Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos, en agradecemento a ser “Espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país”. Como ninguén pode honrar se non leva honra canda el, unhas cantas persoas que o coñecen ben encargáronse dunha laudatio compartida que puxese de manifesto o que leva David na súa alforxa rebordada de méritos, pois é mestre que actúa desde dous principios insubornables da Pedagoxía: a exemplaridade como facho e a entrega como doazón. Nesta exemplaridade e entrega, é un gran paladín na causa da lingua, o maior ben cultural que nos vencella como pobo. Pola lingua e polo labor pedagóxico de calidade, simultaneou o traballo no ensino coa participación na autoría de libros de texto, labor urxente coa oficialización do idioma; a colaboración en revistas, xornais e outros medios de comunicación; a creación en varios xéneros literarios. Como animador cultural, foi cofundador e membro ativo de moitas institucións de noso. PEN Clube de Galicia, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Fundación Castelao, O Brado, Fundación Alexandre Bóveda, Pedrón de Ouro, Patronato San Martiño, Colectivo Cultural Estradense, Asociación dos Amigos dos Pendellos da Golada, Irimia, Nova Escola Galega…

Os datos devanditos veñen de feitos concretos e contables, que ata se poderían someter a un baremo para aducir como méritos do brillante Curriculum Vitae dun home traballador. Pero, a maiores, David Otero é persoa de presenza que se move e é lévedo alí onde aparece. A súa presenza xa é un símbolo de galego consciente de selo para que esa consciencia transcenda aos demais dun xeito natural, coma o aroma das roseiras de maio. Alí está onde se celebre un acto cívico de recuperación da Memoria Histórica. Alí está onde se convoque unha manifestación que defenda causas xustas. Alí está no apoio a calquera reclamación pública que o pobo ten que facer en defensa dos seus modos de vida establecidos de vello e se atopan hoxe en serio perigo, como lles pasa aos gandeiros do leite e os mariñeiros do cerco. Alí está onde unha amizade teña algo bo e ben merecido que celebrar. Alí está onde sexa chamado para botar unha man xenerosa nun acto no que sexa necesario arrimar o ombreiro. Cada vez a sociedade civil necesita máis destes apoios xenerosos que axudan a reclamar os seus dereitos cando son atropelados polas diversas razóns que moven un mundo hostil cos máis débiles e espléndido cos grandes posuidores.

Por todo o devandito non é milagre que fose elixido cun acerto, do que ninguén pode dubidar, para incluílo nese grupo de persoas valiosas que agrandan ao paraugas chairego ao que se abeira a cultura activa, a cultura que move vontades, a cultura que libera non só da ignorancia, senón tamén da opresión e da engañifa na que nos pretenden mergullar desde tantas instancias e poderes, a cadora máis invasivos.

Publicado en El Correo Gallego (13-11-13)

Advertisements