OS COMEDORES ESCOLARES

IMG_3195
A educación que reciben as criaturas ten que ser prevista como integral por todas as persoas e institucións encargadas de llela impartir. O que acontece ao redor das crianzas vaise gravar na súa plasticidade e deben redirixirse camiños se se comproba que non contribúen a ese obxectivo, que niso consiste a educación de calidade. Desde este punto de vista, os comedores escolares exercen influencias pedagóxicas importantes para o alumnado, non só como axudantes na aprendizaxe de urbanidade en torno á mesa, prestación que supoño contemplada. A cociña dun comedor escolar forma parte dese curriculum oculto bastante máis operativo na creación de hábitos e actitudes que as aprendizaxes memorizadas. É nestes comedores nos que as nenas e os nenos se poñen en contacto con alimentos que poden non consumir nas súas casas, axudando á percepción de novas sensacións gustativas e propiciando unha alimentación máis completa. Tamén perciben que hai unha maneira de se alimentaren que pode ser sá, ecolóxica e equilibrada. Ou, polo contrario, que hai alimentos procedentes de fóra cuxo transporte e embalaxe é causa de contaminación, que deben ser procesados por distintos medios para a conservación e que substitúen os que se producen na súa contorna. Os comedores escolares, por outro lado, tamén poden ser un pequeno tirón na economía local dando traballo directo a algunha persoa que o atende e indirecto a diversos produtores. Todo isto leva á práctica dunha forma de vida sá no consumo e con potencialidades de desenvolvemento e sostén do medio rural próximo. É de supoñer que nalgunha lección que trate da conservación da saúde, da calidade da alimentación e do respecto pola terra se fale destes aspectos elementais, mentres a práctica do seu comedor estea demostrando todo o contrario.

Falo como pedagoga que non pode mirar o complexo mundo do ensino desde outra óptica que non sexa a de procurar que todo canto acontece na escola sexa educativo, para que coincidan a teoría e a praxe, o predicar e o dar trigo. Por iso é incomprensible ese proceso de privatización –externalización, que queda moi moderna a nomenclatura- que sacou os comedores escolares da vida social e natural do entorno dos centros. Porque o decreto que regula os comedores escolares dos centros educativos públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación da Xunta prevé a súa xestión directa, ou indirecta a través de empresas concesionarias, feito que afecta a 11.700 crianzas en toda Galicia que comen diariamente menús elaborados por empresas de cáterin privadas, das que, cando menos algunhas, traen os menús cruzando a península de sur a norte para chegar á mesa sometidos a complicados procesos de conservación. Aínda sen os problemas de insalubridade que obrigou a rescindir estes días algúns contratos, esta política de alimentación escolar pareceríame totalmente inadecuada polas indubidables consecuencias pedagóxicas que deixo arriba anotadas.

Publicado en El Correo Gallego (20-11-12)

Advertisements