O CORPO DAS MULLERES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As mulleres, cando alcanzaron un grao de liberdade que lles deu formación para achegarse a lecturas e estudos, tiveron contacto coa cultura universal e non perderon a ocasión de recuperar tempos para a escrita, como tan ben fixo Rosalía dándonos o facho da escrita maior feminina ao mesmo tempo que o do idioma. Iníciase así un amplo diálogo das mulleres consigo mesmas –e volvo a Rosalía para recordar as preguntas que se fai nos seus poemas sobre a creación poética e sobre a creación poética feminina- e cos demais, mulleres e homes. Un dos elementos da súa indagación é o papel do seu corpo, hoxe tema presente nas poetas de todas as culturas e, por extensión, pola operatividade dese corpo na creación poética. O pensamento atormentado que suscita e percorre a poesía de Alejandra Pizarnik reforzou esta ansia de redescubrimento da nosa parte carnal, que é quen aporta ese inmenso caudal de sensacións e percepcións. O corpo é quen sente, ama, padece, recibe, e se entrega… “La simple condición de mi cuerpo viviendo y moviéndose es la poesía”.

En definitiva, o corpo é quen nos presta as mans para escribir, pero é tamén, e sobre todo, ese campo de batalla onde se libran pelexas coas sensacións, coas emocións, coas paixóns, cos complexos, co amor, co desamor e co olvido… É tamén un territorio acotado, unha contención do noso eu, un valo de incomunicación co outro e non poucas veces con nós mesmas. O noso corpo viviu moitos séculos demasiado fóra de nós. Foi a parte máis dirixida de nós cara ao non nós, dominado por unha educación mutilada que o destinaba a se alienar. Era para servir, para gustar, para atraer, para procrear, para criar, para coidar, para se negar aos praceres e para se dar ao sufrimento e á entrega. Este amplo campo de reflexión pode ser obxecto da materia poética e incluso a metáfora da súa creación. En Historia do meu corpo en labaradas (Editorial Neopatria, 2015) de Rosa Enríquez, con texto bilingüe galego castelán, que acaba de presentarse en Compostela, a poeta é radicalmente sincera en toda esta indagación que veño de enunciar e nas dúas partes de que consta, diferentes e complementarias dun mesmo discurso: o corpus poético e a súa semellanza/ proximidade co propio corpo. No seu discurso o corpo das mulleres, escrito polas mulleres e valorado polas mulleres descóbrese ben diferente. Porque o corpo feminino está interferido por moitas consideracións externas a nosoutras que implican non poucas interferencias, opresión e, sobre todo, confusión. Isto faise máis visible na súa segunda parte onde a voz poética dialoga con Marilyn chegando a valorar a beleza e a contrapoñer os tipos e gustos na beleza feminina, de Ava Gadner ata o conflito que se atribúe a Eva no edén bíblico. Historia do meu corpo en labaradas, escrito como todos os da autora desde unha postura radicalmente vital, desacouga, acouga, e volve a desacougar e a acougar. Libro envolvente na lectura que moito se parece á vida mesma.

Publicado en El Correo Gallego (27-11-12)

Advertisements