LEMBRANZA DE NEIRA E CHAO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O SOUTO DEU AS CASTAÑAS E AGARDA POLA NOVA PRIMAVERA. OS QUE SE VAN RENACEN NOS SEUS FROITOS

Dous galegos bos e xenerosos, cuxas vidas teñen características que os aproximaron alén da súa coetaneidade, deixáronnos esta fin de semana como se o seu pasamento fose punto de unión da existencia paralela. Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego exerceron un compromiso insubornable co seu pobo e, a través del, con todos os pobos do mundo como cómpre que sexa. Mereceron ben a admiración que a xente lles profesaba e profesará. Defenderon coa palabra, activa no desexo e privilexiada na forma, a identidade de Galicia e contribuíron a que o vello idioma resista como vertebrador dunha cultura singular.

O gran narrador e cronista que foi Neira Vilas e o ensaísta de grata lectura que foi Chao Rego arriqueceron a lingua coa sabedoría herdada dos seus contornos xeográficos agrandando a singularidade que lle permite ao país non ser arremendo de ningún outro. Ambos levaron tamén a súa palabra ao xornalismo, esa lectura que chega todos os días a recantos variados. Tenderon importantes pontes para recolocarnos na xeografía e na historia. Neira achegounos unha extraordinaria crónica da emigración en América, nomeadamente en Cuba, e Chao os seus estudos sobre Prisciliano e a súa época, sendo un promotor dos movementos de base que procuran a inculturación da fe cristiá na terra galega. Mirando ao pasado e ao futuro, contou con todo o marxinal dunha Igrexa desfasada no tempo para levalo á normalidade relixiosa: as mulleres, os homosexuais, a lingua dominada e o medio natural do que formamos parte. E aí estivo a súa voz entre outras voces imprescindibles para unha reflexión actualizadora do Evanxelio. As mulleres debémoslle moito a esa xeración de “Encrucillada” que el axudou a construír.

Neira e Chao fixeron unha redescuberta de Galicia para se entregar ao seu servizo. Dicía o primeiro nunha entrevista que descubrira Galicia na emigración, onde tiña o privilexio de recibir clases en galego de historia, xeografía e literatura con profesores que se chamaban Rafael Dieste ou Eduardo Blanco Amor, un privilexio que nin remotamente tiñan na Universidade de Santiago. O segundo escribiu un libro memorable, “Eu renazo galego”, que é un ensaio sobre a autenticidade. Foron, polo tanto, galegos por nación co reforzo dun descubrimento que os converteu en activistas da nosa cultura e da súa proxección cara o futuro.

Desenvolveron tamén ambos un traballo pedagóxico importante coa xente nova. Neira foi un dos iniciadores da literatura para a infancia á que sempre dedicou unha especial atención. Tanto en narrativa como en poesía deixou un extraordinario herdo, empezando polo libro máis difundido da nosa literatura, “Memorias dun neno labrego”, e o estímulo de creación de poesía e teatro para a infancia despois de fundar coa súa dona, Anisia Miranda, os premios Arume e Estornela, respectivamente, covocados desde a súa Fundación. Pepe Chao foi un excepcional profesor de lingua de numerosas promocións de adolescentes na capital de Galicia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

PEDREGAL DO RÍO SELMO NA SEARA DO COUREL. O DO MIÑO FOI UN SÍMBOLO DO RENACER GALEGO PARA CHAO

Publicado en El Correo Gallego (04-11-12)

Advertisements