CAMBIO CLIMÁTICO

IMG_8874

Na cestiña coa que recollo a fruta da horta que me vai indicando os cambios de estación, de tempo e climático, traio amorodos silvestres, ameixas de cedo ou tarde, segundo se mire, e chirimoias. Os amorodos están entre follas amarelas como lle corresponde a decembro, porque son eles quen andan fóra de sazón, non a súa folla. As ameixas son dunha segunda colleita en ano no que non tivo a que debía dar. Entre o tempo climático na floración e a ausencia cada vez máis notoria das abellas fecundadoras, case non deu callado en froitos. Agora ten un número razoable de pezas ben distribuídas pola árbore toda. En canto ás chirimoias, a que daba catro ou cinco -nunca madurecidas debidamente, pois está posta como adorno- trouxo hogano unha cantidade considerable de frutas de enorme tamaño e dozura talmente tropical. ¿É necesario que me convenza alguén do cambio climático?

Se falamos do desgaste e da alteración da vida do planeta, si que vivimos por encima das nosas posibilidades, primeiro sen nos dar conta do alcance irretornable e agora por non renunciar a costumes herdados e ás comodidades. O mundo desenvolvido é o causante do quecemento global que altera o clima dun xeito acelerado. E tras do clima, a Terra. O consumo da enerxía que vén de restos fósiles destrúe a capa de ozono alterando a atmofera. Ao deterioro que produce fundamentalmente Europa e USA veu sumarse o xigante asiático. Por primeira vez na súa historia, Pekín ten o mesmo problema de inhabitabilidade que as grandes cidades do primeiro mundo e tivo que declarar estes días a alerta vermella por contaminación.

Coincide este fenómeno en varias cidades coa xuntanza de delegacións gubernamentais en Paris para ver como frear o indiscutible cambio climático. Como parece lóxico, os países que máis contaminan son aos que se lles debe esixir unha maior carga de esforzo. Así opina India, que mantén a postura máis dura contra os contaminantes acolléndose ao principio de “diferenciación”. Durante esta semana de negociacións, os encargados de abordar o texto de traballo teñen un perfil técnico para corrixir a redacción, cousa non doada. Despois tocaralles a quenda aos ministros que deben facer negociación política. O presidente do cume e ministro francés de Exteriores, reclamáballes esta semana celeridade aos representantes dos 195 países que negocian un acordo para substituír o protocolo de Kioto. Urxen as negociacións políticas. Parece que o problema empeza a importar seriamente a moitos países, pois asistiron á inauguración arredor de 150 xefes de Estado. Mais a solución é difícil se os acordos non vinculan. O freo real virá da concienciación da cidadanía para un cambio de hábitos con máis esixencia medioambiental. Menos coche, menos calefacción excesiva, consumo de proximidade, redución de envases, reciclado de residuos e, sobre todo, esixencia de que os gobernos primen o desenvolvemento das enerxías limpas e renovables fronte aos combustibles fósiles.

Advertisements