BELÉNS ACTUALIZADOS E REBELDES

belen-solidario-de-menssajeros-obra-de-ikella-alonso
Son amante dos beléns, ou nacementos, que me recordan a creatividade desenvolvida na infancia coas figuriñas do portal, mofos, palla, papel de aluminio sacado ao chocolate ou un espello roto para o río, pauciños para a ponte e bichería doméstica. Os nosos nacementos eran aldeas costaneiras e frías, como as do terreo ancarés. Porque os beléns non representan nin o lugar nin a época do acontecemento que celebran: están adaptados ás nosas circunstancias. Para quen cre no misterio cristián con fe operativa, o Nadal debe ser liberador, para o que precisa dunha lectura referida ao aquí e agora. O feito humano que se representa é a migración, a pobreza fronte aos poderosos e a falta de solidariedade das persoas do común que miran para outro lado sen prestar axuda nin facer nada para aminorar o alcance dos problemas, porque, de momento, non van con elas. María e Xosé son unha parella pobre desprazada do seu domicilio por decisión gubernamental para cumprir un mandado do poder. Ela está encinta, como tantas migrantes de hoxe que paren no seu deserto. A parella representa a desasistencia producida por moitas causas en todos os tempos, que, sendo as mesmas, veñen vestidas de diferente roupa. Así o din os beléns instalados nas igrexas de Santo Antonio de Momán (Xermade) e San Pedro de Cambás (Aranga), e na de San Antón (Madrid).

Nos dous primeiros, a vecindade reivindica con figuras “pouco ortodoxas” un mundo máis xusto. Como un relato do triste día a día, recóllense neles as demandas da suba do prezo do leite para os produtores, tal como andan a facer estes mesmos días os homes e mulleres que se dedican á explotación gandeira, despois de se veren enganados. Estes problemas son efectivamente os seus problemas e como tal os ocupan. Pero non paran aí. Toman tamén partido solidario a favor de todas as causas que afectan aos máis pobres e que urxen solución: os lanzamentos da vivenda hipotecada, a corrupción que tanto esquilma os cartos sociais a favor de xente que utiliza postos privilexiados para trincar o de todos, os salarios baixos que non permiten vivir con dignidade a quen exerce un traballo que merece máis remuneración… Estas parroquias teñen o cura en común, un crego que estimula e permite que os beléns rebeldes estean no século XXI ben próximos ao cristianismo dos primeiros tempos.

el-pequeno-aylan-en-san-anton

Pero o castelo de Herodes e a presenza dos Reis Magos recordan a fuxida daquela familia a Exipto, unha familia refuxiada como tantas que transitan a pé o territorio europeo sen atopar acollida. É un conflito de intereses con resultado de persecución e morte, como os que acontecen hoxe na xeografía próxima ás terras bíblicas. Por iso, no Belén de Refuxiados realizado para Mensajeros de La Paz na Parroquia de San Antón (Madrid) o portal reproduce, sobre un mapa, a imaxe do meniño Aylan Kurdi, afogado cando fuxía doutra cruel persecución, dunha matanza ordenada dalgún xeito por todos eses Herodes que fan os mapas con sangue.

belen-solidario-de-mensajeros-de-la-paz

Publicado en El Correo Gallego (19-12-15)

Advertisements