HOMENAXE POÉTICA A LORCA E ÁNXEL CASAL

IMG_8973
Biblos Clube de Lectores vén de publicar un poemario singular dentro da nosa literatura, “6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca”. Coordinado por Suso Díaz e quen isto escribe, 36 poetas xúntase arredor do máis ilustre dos líricos non galegos que escribiu nunha lingua descuberta a través de Rosalía –da que foi un fervoroso admirador desde moi novo- e das viaxes a Galicia, onde fixo fondas amizades. O 27 de decembro de 1935, o editor Ánxel Casal sacaba á luz en Nós un libro da súa autoría, “Seis poemas galegos”. Estamos nas vésperas do 80 aniversario desta extraordinaria produción lorquiana, na que se ve reflectida Galicia e moi nomeadamente a cidade de Santiago. O ano próximo será o centenario da primeira viaxe a Galicia daquel mozo que sentiu fascinanción polo noso país. “Seis poemas galegos” é o punto de partida do texto colectivo que hoxe traio a esta columna, está articulado arredor do número 6. 6 poetas coordinan equipos de 6 poetas aos que os editores literarios lles adxudican cada un dos 6 poemas do granadino. A palabra colectivo cobra neste poemario un sentido de colaboración plena e entrelazante, porque os grupos crean un texto a doce mans e outros 6 individuais nos que mostran a súa voz única e ben diferente, como corresponde á variedade de idades, estilos, poéticas e xeografías que se xuntan nesta obra. Federico García Lorca merecía de nós este agasallo singular que ten o mérito de poñer en xogo máis capacidades que a do dominio da voz poética que teñen mostrado os autores e autoras que colaboran. Seis poetas que traballan en común deben poñer tamén en xogo boas doses de xenerosidade, organización flexible, entendemento, empatía, compromiso e seriedade para que o seu traballo teña calidade e coherencia. Non podían quedar excluídos deste libro os poema de Lorca que lle dan orixe, porque a eles vai referenciada tanto a creación colectiva como a individual. Por iso consta de 42 textos poéticos con 6 ilustracións de 6 artistas máis un deseñador da capa.

Segundo o poema motivador do traballo do grupo e co coordinador e coordinadora á cabeza, escriben Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Francisco X. Fernández Naval, F. R. Lavandeira, Xesús Rábade Paredes, Miro Villar, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, X.H. Rivadulla Corcón, Marta Dacosta, Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña, Gonzalo Hermo, María Lado, Suso Díaz, Miguel Ángel Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez, Alberte, Baldo Ramos, Lorena Rei, Noelia Rodríguez, Lucía Novas, Alba Cid, Xosé Daniel Costas Currás, Rosa Enríquez, Míriam Ferradáns e Ismael Ramos. Ilustran Nolo Suárez, Viki Rivadulla, Alfonso Costa, Marita Martín Carmona, Irene Silva Xiráldez e Antón Sobral. O deseñador da capa é Xosé Vizoso.

IMG_8945

O libro non é só unha homenaxe a Lorca, porque non quedaría completado. Leva incorporada, como non pode estrañar, a admiración e agradecemento dos e das poetas á figura do singular editor de “Seis poemas galegos”. Porque aos dous os unira, ademais da relación poeta/editor, que non era pouca para a época e as circunstancias anómalas da lingua, a data da súa morte tráxica, da man dos mesmos asasinos, aquel 19 de agosto de 1936. Para este apartado final, as e os poetas construíron un acróstico introducido pola dedicatoria: Á ÁNXEL CASAL EDITOR DE SEIS POEMAS GALEGOS, cuxo número de letras coincide co de poetas participantes. O resultado é un fermosísimo canto libre de 36 poetas ao gran traballador da cultura galega e iniciador da nosa edición moderna. Ánxel Casal cumpriría120 anos este pasado día 17 e así consta no colofón desta homenaxe literaria.

IMG_8997

Advertisements