DANZA DO TEMPO. HOMENAXE A LORCA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

PRAZA DO HOSPITALILLO

Lúa de prata,
noite de zafiro.
Santiago vai polas beiras
contando estrelas no río.

Lúa enloitada,
noite de brétema.
Santiago pecha os seus séculos
nas humidades da pedra.

Nos soportais,
cantiga errante.
Non se sabe de onde vén
a queixa dun triste amante.

Mana a fonte
bicos de auga.
Andan labios abrazándose
pola praza da Quintana.

Tocan os sinos
horas e rezos.
Como foguetes ao voo
saen coruxas, morcegos…

Perde o silencio
melancolía.
Con arestas de cristal
corta a noite e sae o día.

Voa un canto
peregrino.
Vai de Rosalía a Lorca
sen deterse no camiño.

Compostela é tempo
de danza que flúe
que a noite corea
e o día constrúe.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

ESTRELAS DANZANDO NA RÚA DO VILAR

En 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (editores), Biblos, 2015

 

Advertisements