VOLVER Á NORMALIDADE

IMG_9115                                                           ROSA DE DECEMBRO

 

Xosé de Bernardino, de quen meu pai contaba historias, estaba fachendoso dun sistema co que conseguía maior produción das galiñas. Tiña unha trapela colocada debaixo da palla do neal e, cando a pita poñía o ovo e se erguía, ao non velo, pensaba que non puxera. Dábase por tola, volvíase anicar e poñía outravolta. Logo aínda lles sacaba máis utilidade aos ovos porque os cocía antes de os vender para lles tomar as augas. O asunto descubriuse cando dona Enma, cansa de que os seus ovos de confianza se lle excedesen sempre ao “pasalos por auga”, rompeu un e comprobou que xa viña cocido. Ela foi chamarlle falso, el chamoulle desagradecida polo traballo feito e saíron picados.

Hogano, as roseiras están sufrindo o mesmo equívoco que as galiñas de Xosé. Pódoas, aproveitando as flores para un ramallete, que xa non é pouco. Elas míranse, reparan nas horas de insolación e na temperatura ambiente, e, véndose espidas, dinse que están tolas por non florearen. E veña producir bochos outravolta. Eu doulles unha poda máis e nesas andamos entrado xaneiro. Unha ameixeira da horta caeu tamén na trampa que nos tendeu a climatoloxía aos seres vivos. Atopouse co que cre que é primavera, viuse sen flores e púxose a florear. Da brancura serodia saíron frutas coloradiñas como se se criasen na sazón e saben a gloria. Ao non seren habituais na mesa deste tempo, a nosa netiña chámalles castañas “ricas de sabor raro”. Tomándoas por castañas, non me estraña que a teña marabillada a polpa tan húmida e a casca penetrable. Máis a marabilla é ver madurecer ameixas galegas en decembro. Unha praceira díxome que tamén lle pasara e que, como as árbores precisan un descanso, decidiran repolar a fondo as ameixeiras para que volvan á cordura, non sexa que se lle bote a perder a parte da horta que máis rendemento económico lles trae. Eu non sei como facer coa miña, xa que por bo camiño para a sostenibilidade non vai, porque non soportará a produción intensiva.

Os paxaros mandaban xa mensaxes de namoro, buscando material para os seus niños estes días de atrás. Mais, co frío normalizador que chegou coa borrasca, todo volverá ao rego e a natureza poñerase por fin a descansar das súas forzadas aventuras. Socialmente tamén andamos en época revolta tras o festexo dos resultados electorais, primaveralmente novedosos. Precisamos grandes cambios que nos poñan á altura da segunda década do século XXI. É a hora dunha realidade que fai buscar novos modos e novas alianzas para poder gobernar. Tempo para falaren os líderes e as persoas próximas que teñen capacidade de dialogar tivérono. E necesidade de diálogo hai moita, pois non é bo que un partido poida facer da capa de toda a sociedade un saio segundo o seu único modelo e a defensa duns únicos intereses. Tras desa primavera floreada na que os políticos fixeron de todo e a cidadanía mostrou a súa diversidade, ten que vir unha mellor maneira de gobernar que non require présa, senón sensatez e compromiso.

Publicado en El Correo Gallego (08-01-16)

Advertisements