XEOGRAFÍA E TEMPO (Río Sil)

IMG_8251

Ferido pola tarde pasa o Sil. Xeografía e tempo
lévano entre paredes, santuario
dun Delfos emerxido da auga doce.

Na ribeira habitada,
as noces e as castañas anticípanse á folla
en render preitesía á invernal espidez
e vén a primavera pondo o cabelo ao vento,
o verán que madura e o outono que vendima
e todo vai pasando polo río
de pel sempre anovada.

IMG_8020As pedras canteiradas con habelencia artística
veno pasar e mándanlle
os ecos que conservan da freiría
nos ocos verdecidos do abandono
e o que hoxe xa non é vai polo Sil
tornasolándoo de ouro como un cáliz
que ve medrar os acios.

Cruzou Boca do Monte
e na súa memoria milenaria
acéndese outravolta lume nas aciñeiras
plantado por Traxano para quitarlle o ouro
e agora sente maino que lle bulen
as ánforas no ventre
que van levar aos ágapes do Cesar
o viño que precisa unha ambrosía.

E segue a ruta cósmica da serpe
que non quere deixar o paraíso
ata ofrendarse ao Miño, que é o gran deus
da terra prometida.

IMG_7989
Publicado en Ribeira Sacra. Galicia para soñar, Hércules Ediciones, tomo III (2015)

Advertisements