LIBRO DO MAL AMOR

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A violencia machista percorre o mundo de diversos modos cunha escala variada de consecuencias que teñen o feminicidio no cume. Máis ou menos disimulado ou tolerado pola tradición e polas leis, o patriarcado sitúa a muller un paso detrás do home. Veño dicindo que, se superamos esta desigualdade estrutural, no futuro considerararase a situación pola que pasaron as mulleres -aínda hoxe no mundo que recoñece a igualdade nos dereitos humanos- máis anómala que a escrivitude da raza negra. As mulleres somos máis de metade da humanidade e a desigualdade non vén da man de mercadeiros sen escrúpulos e amos sen consideración, senón do contorno familiar, social e institucional que nos rodea.

Tan grave eiva só a pode vencer a educación, que é quen garante os cambios. Pero ha ser unha educación que mostre a igualdade real de mulleres e homes en todo o seu curriculum oculto, pois non chega con predicar, que hai que dar exemplo. A aprendizaxe da igualdade apréndese pola inmersión na igualdade. E niso tense que implicar a sociedade en xeral, moi particularmente os medios que transmiten valores máis ou menos ocultos nas mensaxes. O papel da familia é moi importante, máis tamén precisa que se interveña sobre ela pedagoxicamente por ser unha das grandes herdeiras e transmisoras dun comportamento viciado por moitos séculos. Neste concepto globalizador da educación ten un destacado papel o sistema educativo oficial en toda a súa complexidade, desde os planos de estudo e a filosofía que os inspira, ata o trato persoal dos membros da comunidade educativa, pasando polos programas que desenvolven os planos, os materiais que se utilicen e as actividades de aprendizaxe que se propoñan.

No contexto de escola educadora para a igualdade e contra a violencia de xénero, naceu un proxecto colaborativo no IES Laxeiro (Lalín) da man da profesora Gracia Santorum, que foi involucrando departamentos e alumnado, arredor da idea do amor en igualdade, sen dominio nin violencia, na creación literaria a través dunha das formas-subxénero aparentemente máis sinxela: o haiku. Nestes pequenos poemas –tres versos de 5, 7 e 5 sílabas- arredor da relación de parella e contra o maltrato machista, o alumnado foi facendo os seus textos que pasaron a ser ilustrados por outro alumnado nas clases de educación artística. Ao alumnado seguírono profesoras e profesores que tamén fixeron o traballo de escribir e ilustrar haikus contra a violencia de xénero. Finalmente, 42 escritoras e escritores foron convidados a completar esta obra literaria, ilustrada por Mar García e Aránzazu Diñeiro. O resultado deste traballo foise mostrando de diversos modos a outros centros e ao público. Estivo en cartaces, nas redes sociais e nun blogue. Finalmente foi publicado pola Xunta de Galicia nun libro fermosísimo na forma, que honra o que o nome do centro representa, e selecto no contido que pretende transmitir: “Libro do mal amor. Contra a violencia de xénero”. Moitos parabéns.

Publicado en El Correog Gallego (15-01-16)

AS CUNCAS DA MEMORIA (Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, no seu 4º cabodano)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

MINI E MERO CANTANDO BAIXO DE CHUVIA ANTES DA OFRENDA

 

Porque sempre buscamos cabo de Isaac memoria
coa fe coa que se acode a un cenobita
que é meigo de esperanzas
no Templo de Monxoi.

Unha cunca con nome, un medallón lendando,
por veces un debuxo ou unha praca en letra “castelao,”
pedíamos daquela precisados
de gardarmos lembranzas.

Creador de recordos cara adiante,
notario de memorias cara atrás,
Isaac foi para nós o gran antídoto
do cruel esquecemento que se filtra
nas regañas do tempo a destruír os signos.

Creaba Isaac obxectos para gardar memoria
e era fonte manando ese milagre
que alimentan devotos urdidores de fíos
no tear dos recordos,
e tamén compostores do discurso
no tear das palabras.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

ACOLLIDA DOS PARTICIPANTES

E a por de crear cuncas e publicar papeis,
Isaac dispuxo pontes sobre todos os ríos
que querían deternos na súas augas turbias
e carreiros de subir aos montes sacros
que nos curutos gardan as verdades
escondidas demais as máis das veces.

Hoxe estamos gardando a memoria de Isaac
que alumou os camiños
polos que atravesamos xuntos ou en soidade
ata chegar de novo cabo del
que nos fará unha cunca,
un medallón lendado,
unha placa con letra “castelao”
librándonos da amnesia que atenaza o pasado
para que non nos valla de temón do futuro.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O CORTEXO DIRÍXESE Á CAMPA

 

Cemiterio de Boisaca, 10-01-16

XEOGRAFÍA E TEMPO (Río Sil)

IMG_8251

Ferido pola tarde pasa o Sil. Xeografía e tempo
lévano entre paredes, santuario
dun Delfos emerxido da auga doce.

Na ribeira habitada,
as noces e as castañas anticípanse á folla
en render preitesía á invernal espidez
e vén a primavera pondo o cabelo ao vento,
o verán que madura e o outono que vendima
e todo vai pasando polo río
de pel sempre anovada.

IMG_8020As pedras canteiradas con habelencia artística
veno pasar e mándanlle
os ecos que conservan da freiría
nos ocos verdecidos do abandono
e o que hoxe xa non é vai polo Sil
tornasolándoo de ouro como un cáliz
que ve medrar os acios.

Cruzou Boca do Monte
e na súa memoria milenaria
acéndese outravolta lume nas aciñeiras
plantado por Traxano para quitarlle o ouro
e agora sente maino que lle bulen
as ánforas no ventre
que van levar aos ágapes do Cesar
o viño que precisa unha ambrosía.

E segue a ruta cósmica da serpe
que non quere deixar o paraíso
ata ofrendarse ao Miño, que é o gran deus
da terra prometida.

IMG_7989
Publicado en Ribeira Sacra. Galicia para soñar, Hércules Ediciones, tomo III (2015)

VOLVER Á NORMALIDADE

IMG_9115                                                           ROSA DE DECEMBRO

 

Xosé de Bernardino, de quen meu pai contaba historias, estaba fachendoso dun sistema co que conseguía maior produción das galiñas. Tiña unha trapela colocada debaixo da palla do neal e, cando a pita poñía o ovo e se erguía, ao non velo, pensaba que non puxera. Dábase por tola, volvíase anicar e poñía outravolta. Logo aínda lles sacaba máis utilidade aos ovos porque os cocía antes de os vender para lles tomar as augas. O asunto descubriuse cando dona Enma, cansa de que os seus ovos de confianza se lle excedesen sempre ao “pasalos por auga”, rompeu un e comprobou que xa viña cocido. Ela foi chamarlle falso, el chamoulle desagradecida polo traballo feito e saíron picados.

Hogano, as roseiras están sufrindo o mesmo equívoco que as galiñas de Xosé. Pódoas, aproveitando as flores para un ramallete, que xa non é pouco. Elas míranse, reparan nas horas de insolación e na temperatura ambiente, e, véndose espidas, dinse que están tolas por non florearen. E veña producir bochos outravolta. Eu doulles unha poda máis e nesas andamos entrado xaneiro. Unha ameixeira da horta caeu tamén na trampa que nos tendeu a climatoloxía aos seres vivos. Atopouse co que cre que é primavera, viuse sen flores e púxose a florear. Da brancura serodia saíron frutas coloradiñas como se se criasen na sazón e saben a gloria. Ao non seren habituais na mesa deste tempo, a nosa netiña chámalles castañas “ricas de sabor raro”. Tomándoas por castañas, non me estraña que a teña marabillada a polpa tan húmida e a casca penetrable. Máis a marabilla é ver madurecer ameixas galegas en decembro. Unha praceira díxome que tamén lle pasara e que, como as árbores precisan un descanso, decidiran repolar a fondo as ameixeiras para que volvan á cordura, non sexa que se lle bote a perder a parte da horta que máis rendemento económico lles trae. Eu non sei como facer coa miña, xa que por bo camiño para a sostenibilidade non vai, porque non soportará a produción intensiva.

Os paxaros mandaban xa mensaxes de namoro, buscando material para os seus niños estes días de atrás. Mais, co frío normalizador que chegou coa borrasca, todo volverá ao rego e a natureza poñerase por fin a descansar das súas forzadas aventuras. Socialmente tamén andamos en época revolta tras o festexo dos resultados electorais, primaveralmente novedosos. Precisamos grandes cambios que nos poñan á altura da segunda década do século XXI. É a hora dunha realidade que fai buscar novos modos e novas alianzas para poder gobernar. Tempo para falaren os líderes e as persoas próximas que teñen capacidade de dialogar tivérono. E necesidade de diálogo hai moita, pois non é bo que un partido poida facer da capa de toda a sociedade un saio segundo o seu único modelo e a defensa duns únicos intereses. Tras desa primavera floreada na que os políticos fixeron de todo e a cidadanía mostrou a súa diversidade, ten que vir unha mellor maneira de gobernar que non require présa, senón sensatez e compromiso.

Publicado en El Correo Gallego (08-01-16)

EN BONAVAL, PERANTE CASTELAO XA RETORNADO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

SAN DOMINGOS DE BONAVAL, ONDE REPOUSA CASTELAO

Homenaxe a Castelao no 66 cabodano da súa morte

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

SANTIAGO, ROSA DE PEDRA (nun muro de San Martín Pinario)

 

Contando pedra a pedra,
rosa a rosa,
faltaba no colar de Compostela
a pedra túa,
a túa rosa,
irmán.

A cidade era pedra
e era rosa,
pedra e rosa, anque eivadas.
Eivadas as campás,
o Día Grande,
o balbordo festivo,
mesmo as dores
máis entrañables e máis misteriosas.
Eivados os discursos
e as mensaxes.

Non puideron contigo as andoriñas…
Tras tantas primaveras soterrado
en terra allea, en permanente sombra,
non puideron as aves,
nin toda a natureza, completar o teu oco na Cidade.

Cada solpor sen ti
era un caer o sol polo Pedroso
preguntando ferinte
“¿Que lle digo a Daniel?”

E a cidade, estantía,
en silencio ou balbordo,
trascendendo as metáforas ata a melancolía,
respondía a cotío:
“Dille que me complete,
que voe so, que burle
todas as vixilancias.

Que falta do colar a súa rosa.
Que falta a súa pedra”.

Castelao

Publicado o 7 de xaneiro de 1986 (Centenario da morte de Castelao) na revista Andoriña.

DANZA DO TEMPO. HOMENAXE A LORCA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

PRAZA DO HOSPITALILLO

Lúa de prata,
noite de zafiro.
Santiago vai polas beiras
contando estrelas no río.

Lúa enloitada,
noite de brétema.
Santiago pecha os seus séculos
nas humidades da pedra.

Nos soportais,
cantiga errante.
Non se sabe de onde vén
a queixa dun triste amante.

Mana a fonte
bicos de auga.
Andan labios abrazándose
pola praza da Quintana.

Tocan os sinos
horas e rezos.
Como foguetes ao voo
saen coruxas, morcegos…

Perde o silencio
melancolía.
Con arestas de cristal
corta a noite e sae o día.

Voa un canto
peregrino.
Vai de Rosalía a Lorca
sen deterse no camiño.

Compostela é tempo
de danza que flúe
que a noite corea
e o día constrúe.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

ESTRELAS DANZANDO NA RÚA DO VILAR

En 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (editores), Biblos, 2015