DO PATRIMONIO ANCARÉS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

ESQUELETO DE HÓRREO

Estes días saía na prensa a noticia do descubrimento de dous campamentos romanos na Serra dos Ancares, probablemente lugares de paso nas guerras cántabras. A nova trae á actualidade o patrimonio das terras orientais de Lugo –os campamentos corresponden tamén a León- e o pouco que se traballou ata tempos recentes no seu descubrimento. Territorio de clima duro e orografía accidentada, estivo afastado das comunicacións modernas e grazas a iso puido conservar a súa riqueza natural e cultural. A comezos do século XX, unha empresa estranxeira pretendeu explotar a súa valiosa madeira pero resultou imposible movela, aínda con maquinaria inventada ao efecto. Así, evitouse a deforestación da zona. Había en Vilaquinte unha nogueira centenaria, que dicían “negra”, pola que pagaban unha fortuna, pero non foi posible transportala. As terras que hoxe constitúen a Comarca dos Ancares teñen toponimia que fala dun pasado case oculto: Vilar de Mouros e de Frades, Castelo de Cais e de Frades, Castel de María, Mosteiro, Castrolanzán… Consérvanse as torres de tres castelos e hai “Casa da Torre” en varios lugares. A de Veiga de Forcas acaba de a derrubar “non o tempo, senón o desleixo”, apunta Xabier Moure, o investigador que se empeñou no coñecemento e difusión do pasado daquela zona. Está laborando e colaborando co colectivo “Patrimonio dos Ancares” para aflorar e divulgar aquel legado material –petroglifos, antas, castros, arte e escritos medievais- e inmaterial –significado de festas e costumes-. Por iso coñecemos hoxe que por alí transcorreu unha rama do Camiño de Santiago máis practicable no inverno da que Herman Künig von Vach, monxe da zona de Alsacia, tras dunha peregrinación a Compostela no século XV, deixou redactada unha guía para peregrigos alemáns. Xabier Moure considera que esta variante de Os Ancares transcorría por tramos do camiño medieval e da antiga vía romana XIX.

Os habitantes da comarca conservaron moi ben a lingua e os costumes, pois o pouco interese das administracións en resolver as dificultades de comunicación e a escasa escolarización case non alteraron o fluír da vida. A estas terras chegou o investigador alemán Walter Ebeling (1928-1933), recolector de palabras e imaxes, que deixou fotografías rebeladoras da relación entre as persoas e os animais colaboradores no traballo rural, así como dos oficios e do escaso tempo de lecer. O fósil humano máis antigo descuberto en Galicia está na cova do Valdavara, coñecida de vello polos seus ornamentos calcarios. Non ríos Donsal e Ser, que transcorren ao pé de camiños castrexos, romanos e reais, dúas asociacións privadas construíron sendeiros que poden percorrerse conectados. O Donsal ten á beira gran riqueza etnográfica e paisaxe espectacular. O Ser trascorre entre impresionantes canóns, fragas espesas e formacións xeolóxicas como a Pedra do Home e a morena frontal do glaciar de Piornedo, aldea temática das pallozas prerromanas habitadas ata hai pouco.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

NA CONCA DO DONSAL SEGUINDO O SENDEIRO

Publicado en El Correo Gallego (05-02-16)

Advertisements