FILLOS DE NAI

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As circunstancias de cada home que se encamiña á vida son o interior dun corpo feminino. A muller acólleo para lle dar materia, enerxía e sustento na sorprendente evolución que dura uns nove meses. Como final da íntima convivencia, farán xuntos un camiño de separación física que a el lle resultará moi duro, mais quedará borrado, na inmemoria, e a ela lle producirá, canda fortísimas dores, a sensación de que se desgarra para que el apareza e comece o desenvolvemento dun ser liberado pero indefenso. Ademais da alimentación que procede do corpo dela a través do leite, por norma biolóxica, e dos coidados que adoita darlle durante o primeiro ano de vida, aínda que pode ser parcialmente susbstituída, este home fundamentará con ela as relacións obxectais das que fala René Spitz, que o prepararán para o despregue progresivo cara á madurez. Cada home é fillo dunha muller. Aí temos un corolario que debería facer imposible o maltrato feminino. Por iso, de paso que se preparan as rapazas para prevenilas contra posibles ataques da parella, podíase programar unha educación dos rapaces que enfatizase a empatía coas mulleres ata por respecto á súa procedencia.

A interpretación da historia permítenos explicar por que as mulleres estiveron tantos séculos sometidas aos homes do seu contorno. O dominio viña disimulado por un trato paternalista revestido de hipócrita solemnidade para defendelas, velando polas grandes virtudes que eles lles louvaban. As bencasadas recibían o trato de “a miña señora”, fórmula vasalesca do revés porque o amo era el. Canda as solteiras, eran agasalladas con piropos-perdón torneados con bonituras, coma tal “as donas non teñen costas” ou “mans brancas non ofenden”. O feito biolóxico descrito ao principio, que conseguira ao comezo da humanidade que as mulleres fosen miradas como deusas por teren o don de garantir a vida á colectividade, virou ao acabar a forma natural de ver o mundo e desenvolverse unha razón que deu en sinrazón. Daquela, coas argucias do poder, os homes desentendéronse dos problemas domésticos e da crianza directa da prole porque colocaron esa razón do seu lado. As mulleres perderon o poder que lles outorgaba o don biolóxico e os homes chatáronas de limitadas nas capacidades intelectuais e inferiores na súa dignidade. Converteron a maternidade nun feito biolóxico e condicionante para o resto da vida, e o cultivo intelectual, artístico e afectivo quedaba limitado a esta función. As que non se conformaban con tal destino tiñan moi difícil explorar outras posibilidades.

Formulada felizmente a igualdade en dereitos e deberes, e plasmados estes dereitos en leis, aínda hai que preguntarse como os homes de hoxe se poden volver tan extremadamente hostís contra a súa muller, exmuller ou compañeira, que chegan a matala a sangue frío, mesmo que sexa a nai dos propios fillos. O feminicidio perpetrado na miña terra natal hai uns días cunha escopeta é absolutamente abominable. Claro que todos o son.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (19-02-16)

Advertisements