ONDE CANTOU A LIRA

naufragio-610x350
Lesbos, onde cantou a lira acompañando a Safo, é un lugar tráxico ao que arriban por mar, se tiveron sorte na travesía, milleiros de familias coas crianzas. Foxen da guerra que sostén a industria armamentísica e outros intereses, e topan co mar, a primeira gran dificultade. A inmensa maioría dos refuxiados comezan a aventura nunha praia turca do Egeo desde a que se divisan as illas gregas de Quíos, Kos ou Lesbos, cuxa distancia anda polos 10 km. de alí. Grecia é a porta da esperanza. Deixan o país desfeito, a persecución e probablemente un traficante de Esmirna (a cidade maior nesta costa turca) sen escrúcupulos que os timou sen importarlle que sorte correrá unha navegación tan insegura. O valor da vida desta xente é nulo e tal sentimento agranda o peso do éxodo e da incerteza. Poden enganalos falsas patrullas gregas que lles confiscan o motor da barca deixándoos á deriva. Tamén poden acabar á deriva sen intervención de intermediarios. Moitos morren nas augas sen poñer pé onde cantou a lira.

O pasado setembro, apareceu afogado na praia turca de Bodrum –que hoxe leva o seu nome- o meniño de tres anos Aylan Kurdi. Pareceu que a súa imaxe lograra espertar a conciencia acolledora de Europa, pero non pasou nada. A conciencia de Europa é propensa a adormecer tranquila. Como di o sociólogo francés Sami Naïr, a emoción mediática perante estes feitos é efémera e non produce resposta política eficaz. Nin sequera lle gusta a Europa que crucen a través dos países balcánicos os que logran salvarse polo azar ou a acción meritoria dos voluntarios desprazados ás praias para o seu rescate. Reas de xente avanzando a pé con frío e fame por camiños ás veces coutados con arames poden roer a conciencia por non lles dar refuxio aos que xa chamamos refuxiados. Oxalá tal palabra fose máxica e lles atopase acomodo: un lugar seguro que acabe a peregrinaxe e un medio de gañar o pan. Pero os “sen refuxio” fan durísimas xornadas de camiño ata deterse en campamentos de acougo transitorio. Alí deben esperar longos meses por papeis que lles poden abrir a porta á nova vida, á parada final. Grecia, o país da crise económica máis profunda, carga a maiores coa chegada imparable desta xente que onde ve a súa vida máis segura é no Mediterráneo, hoxe o mar máis mortífero do mundo.

Na rica Alemania renace o peor do ser humano. En Bautzen, un hotel habilitado para albergar errantes ardeu un destes días como unha pira en acción presuntamente intencionada. Un grupo de veciños festexaba a desfeita das chamas de xeito inequívoco, segundo declararon varias testemuñas do suceso. Unha das mensaxes máis repetidas é que Europa, á marxe dos seus problemas económicos, afronta a maior crise de refuxiados desde a Segunda Guerra Muncial, mais non se lle busca solución. O naufraxio de Lampedusa en 2013 parecía un punto de inflexión, pero as cifras de mortos e desaparecidos no Mediterráneo aumentaron. E onde cantou a lira seguen flotando cadáveres de meniños.

CcAXpzVWAAEeSY_.jpg large

Publicado en El Correo Gallego (26-02-16)

Advertisements