ACOSO ESCOLAR

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tamén se acosa nos xogos

O acoso escolar non é nada novo, inda que a sociedade empece a mostrarse preocupada por este tipo de violencia entre iguais que ten efectos moi negativos para a saúde física e emocional, o rendemento académico e o clima relacional dos centros. Os nenos e as nenas non son sempre seres inxenuos aos que se lles ocorren traxugadas das que descoñecen o alcance. Poden ser crueles tamén cos seus iguais. O bo que da infancia é ser unha etapa de desenvolvemento na que case nada está definitivamente consolidado. A educación ten capacidade e recursos para corrixir condutas indesexables aínda non ben fixadas que han atallarse canto antes. Por iso, a educación familiar –con intuición, proximidade e cariño- e a institucional –con coñecementos e medios para a corrección- deben actuar conxuntamente ante o acoso, porque a educación é motor de cambio para unha sociedade madura, sá e tolerante. Resulta asombroso comprobar que algunhas criaturas, ao entrar na escola, xa se converten en vítimas do acoso persoal ou de grupo que as fai sufrir. Calquera risco diferenciador do que se entende como normal: lentes –moitas nenas e nenos recházanos por isto-, peso, raza, crenzas, idioma, inclinación sexual, e incluso o espírito de disciplina e de traballo, pode desencadear un fenómeno tan indesexable como é a persecución. E non se trata só de agresións verbais ou físicas, porque tamén é acoso ignorar ou non aceptar para un traballo grupal, xogo ou deporte. Na escola hai moitas maneiras de exercer e sufrir violencia entre iguais, pero tamén de corrixila, que é un máis dos labores e contidos educativos. En calquera caso, é imprescindible a creación dun clima de confianza na familia e no profesorado para que acosados e acosadas poidan manifestar o seu padecemento e pedir axuda. A vella idea de que cadaquén ha aprender a defenderse en por si, perde toda a validez nunha sociedade democrática que ten que protexer a debilidade dos seus compoñentes. E máis aínda, nunha sociedade educativa.

No acoso escolar hai dous actores que precisan axuda: quen o padece e quen o produce, inda que vexamos con máis claridade que a atención ao primeiro é máis urxente e xusta. Quen está causando dano e sufrimento necesita acción rehabilitadora para a súa dignificación como persoa e evitar reincidencias. En non poucos casos, detrás de rapaces e rapazas acosadores hai tamén factores de desastabilización emocional que necesitan ser removidos. A sensibilidade sobre este problema levou a un grupo de investigadores da facultade de Psicoloxía da Universidade Complutense de Madrid (UCM) a desenvolver o programa Mybullying: un cuestionario online de aplicación colectiva co que se xera o mapa de rede social da aula. Nel indícanse pautas de intervención. Nunca me pareceu tan importante un test sociométrico por propiciar a creación dun clima de complicidade no que as correntes afectivas do grupo poidan contribuír á creación voluntaria de cooperantes para combater este mal.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Educadores e educadores teñen que desenmascarar as aparencias.

Publicado en El Correo Gallego (12-02-16)

DO PATRIMONIO ANCARÉS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

ESQUELETO DE HÓRREO

Estes días saía na prensa a noticia do descubrimento de dous campamentos romanos na Serra dos Ancares, probablemente lugares de paso nas guerras cántabras. A nova trae á actualidade o patrimonio das terras orientais de Lugo –os campamentos corresponden tamén a León- e o pouco que se traballou ata tempos recentes no seu descubrimento. Territorio de clima duro e orografía accidentada, estivo afastado das comunicacións modernas e grazas a iso puido conservar a súa riqueza natural e cultural. A comezos do século XX, unha empresa estranxeira pretendeu explotar a súa valiosa madeira pero resultou imposible movela, aínda con maquinaria inventada ao efecto. Así, evitouse a deforestación da zona. Había en Vilaquinte unha nogueira centenaria, que dicían “negra”, pola que pagaban unha fortuna, pero non foi posible transportala. As terras que hoxe constitúen a Comarca dos Ancares teñen toponimia que fala dun pasado case oculto: Vilar de Mouros e de Frades, Castelo de Cais e de Frades, Castel de María, Mosteiro, Castrolanzán… Consérvanse as torres de tres castelos e hai “Casa da Torre” en varios lugares. A de Veiga de Forcas acaba de a derrubar “non o tempo, senón o desleixo”, apunta Xabier Moure, o investigador que se empeñou no coñecemento e difusión do pasado daquela zona. Está laborando e colaborando co colectivo “Patrimonio dos Ancares” para aflorar e divulgar aquel legado material –petroglifos, antas, castros, arte e escritos medievais- e inmaterial –significado de festas e costumes-. Por iso coñecemos hoxe que por alí transcorreu unha rama do Camiño de Santiago máis practicable no inverno da que Herman Künig von Vach, monxe da zona de Alsacia, tras dunha peregrinación a Compostela no século XV, deixou redactada unha guía para peregrigos alemáns. Xabier Moure considera que esta variante de Os Ancares transcorría por tramos do camiño medieval e da antiga vía romana XIX.

Os habitantes da comarca conservaron moi ben a lingua e os costumes, pois o pouco interese das administracións en resolver as dificultades de comunicación e a escasa escolarización case non alteraron o fluír da vida. A estas terras chegou o investigador alemán Walter Ebeling (1928-1933), recolector de palabras e imaxes, que deixou fotografías rebeladoras da relación entre as persoas e os animais colaboradores no traballo rural, así como dos oficios e do escaso tempo de lecer. O fósil humano máis antigo descuberto en Galicia está na cova do Valdavara, coñecida de vello polos seus ornamentos calcarios. Non ríos Donsal e Ser, que transcorren ao pé de camiños castrexos, romanos e reais, dúas asociacións privadas construíron sendeiros que poden percorrerse conectados. O Donsal ten á beira gran riqueza etnográfica e paisaxe espectacular. O Ser trascorre entre impresionantes canóns, fragas espesas e formacións xeolóxicas como a Pedra do Home e a morena frontal do glaciar de Piornedo, aldea temática das pallozas prerromanas habitadas ata hai pouco.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

NA CONCA DO DONSAL SEGUINDO O SENDEIRO

Publicado en El Correo Gallego (05-02-16)