CEMITERIOS GALEGOS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Cemiterio da Terra Chá

Os cemiterios galegos son lugar de desexo para os trasterrados. Poden vivir, mellor ou peor, lonxe pero case todos senten a necesidade de acougar aquí definitivamente. “Cando xa vello sea,/ tornarei cos meus ósos para a aldea,/ que algo lle hei de levar á terra nosa”, di un poema rosaliano. Saíron desta terra e a ela lle queren reintegrar o corpo. Por iso, algún concello, como tal Beariz, ten que dispoñer cemiterio supletorio para acoller a migrantes ao final da vida. Con tres camposantos parroquiais saturados, recibe gran demanda de nichos da xente que vive fóra. Ese fóra vai de Vigo a Santiago, chegando a unha extensa xeografía americana. As solicitudes impulsárono a construír outro municipal. Sendo servizo público, debe chegar ao maior número posible de beneficiarios e informará desta disponibilidade aos centros galegos de Latinoamérica para que poidan acollerse a el quen entre nós quixeran repousar. Como será ese novo cemiterio? A min gústame a fasquía dos rurais, e aínda pequeno-vilegos, con memoria e case sempre integrados nos núcleos de poboación. A vida e a morte na cultura popular tiveron sempre a proximidade que vén de seu.

Cementerio de Carnota

Cementerio de Dumbría

Os cemiterios, como obras de creación humana, son portadores de cultura. Na Terra Chá luguesa, os canteiros especializados en traballar granito de Parga construíron xoias arquitectónicas con nichos rematados en filigranas neogóticas que recordan o mellor Gaudí. Pero tales marabillas non foron protexidas como patrimonio irrepetible e a súa harmonía, conservada ata hai pouco, rompeuse con nichos desconcertantes de mármore negro, que a xente de cartos ve ben máis lustroso. Oxalá alguén con sensibilidade protexa o que aínda queda, converténdoos en BICs. Enigmáticos son os cemiterios da costa, coas campas rente á terra cubertas dunha laxa na que os mofos bordan a realce letras de lenda mortuoria. Rosalía falou de tres lugares de enterramento singularmente fermosos. Dous son cemiterios bequeridos. Bonaval, “Santo Domingo, en donde/ canto eu quixen descansa/ vidas da miña vida, anacos das entrañas…” e Adina, no que foi enterrada por primeira vez, “O simiterio da Adina/ n’hai duda que é encantador,/ cos seus olivos escuros/ de vella recordazón…” Mais tamén fala do xardín de San Carlos da Coruña, onde yace Sir John Moore, como dun lugar idóneo para descansar definitivamente lonxe dos seus: “Asín cando eu morrer, poidera/ dormir en paz neste xardín frorido,/ preto do mar…, do cimeterio lonxe…!”. Preto do mar está o cemiterio de Santa María de Noia, atesourado coas súa laudas gremiais. Pola Costa da Morte hai tres cemiterios ben singulares. O que deseñou César Portela, integrado na paisaxe mais abandonado pola paisanía, tan do meu gusto. O de Dumbría, colorista e exitoso deseñado por Rosana Pichel. E o Cemiterio dos Ingleses, no que descansan náufragos dos buques “The Serpent” e “Iris” acollidos pola xente que mellor coñece a traxedia do mar e a caridade de enterrar os mortos.

IMG_8554Cemiterio de Fisterra

Publicado en El Correo Gallego (04-03-16)