DÍA INTERNACIONAL DO GORRIÓN

SANYO DIGITAL CAMERA

O 20 de marzo foi do Día Internacional do Gorrión (World Sparrow Day), por iniciativa da Nature Forever Society da India e outras organizacións conservacionistas de todo o mundo. Pretenden espertar o interese pola especie que sofre un preocupante declive, sobre todo nas cidades, que vén sendo boa mostra do deterioro do noso entorno máis cercano. Ademais, por iniciativa da SEO/Birdlife, que promoveu unha ampla votación, o gorrión común (Passer domesticus) é a ave do ano 2016. Non é un canoro de calidade, pero rechouchía unha especie de poema mínimo, estimulado pola primavera, recordándonos que volve nacer o amor arredor dos seus niños. Amor e poesía sempre foron da man, aínda que tamén poida cantarse a dor, a perda e a inxustiza, por citar algunhas pingas que a chuvia lírica ceiba sobre nós. Sabía do Día da Poesía, pero non desta festa do pardal, que é outro nome do paxariño que se achega ás cidades e cuxa femia lle esixe ao macho paridade na construción do niño ata enfadarse de el non cumprir coa suficiente cantidade de pluma. Case non temen ás persoas e afanse nas rúas, aproveitando construcións humanas para aniñar nos ocos das paredes. Nas cidades tamén aprenderon a madrugar para poder comunicarse en silencio, por iso son  máis madrugadores que os seus parentes  rurais.

Eu, cando menos, estou moi en débeda con eles. Alegráronme a vida de nena co seu barullo piador e, sobre todo, ensináronme que a liberdade pode superar os opresores. Aniñaban nas paredes do cárcere -daquela con presos comúns e algún polas ideas-, edificio dedimonónico co que lindaba a horta da casa. Viámolos entrar e saír nas regañas do edificio coa cibicada para os poliños. O día que saían os voadores inexpertos era unha festa de salvamento correr tras dos gatos que os atrapaban como alimento e liberalos das súas bocas. Daquela, os gatos buscaban a mantenza en por si e nela entraban eses aprendices de voo que non exercitaran as alas. Quizabes foron aqueles paxarolos quen me ensinaron a ser libre con cautela e, sobre todo, a exercer a solidariedade co máis débil separándoo das gadoupas dos seus depredadores. A vida é así, pero iso non lle quita validez á acción en defensa dos máis febles.

Mais o gorrión non periga polos gatos, aínda que a proliferación dos que habitan nas rúas das cidades non lles é avogosa. É a desorde da nosa vida quen está cambiando os ciclos naturais das cousas. Estes pobres músicos da rúa, que asimilaron a cidade co bosque e se decidiron a convivir cos raros habitantes dese bosque raro, xa desapareceron practicamente en cidades como Londres. Son marcadores da biodiversidade e a súa diminución está influcenciada pola inadaptación ao noso modo de vida e ligada ao destino do noso planeta, polo que a protección da especie redundará en beneficio da nosa propia protección.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

(NB. Cando isto escribo, véxome igual que un daqueles gorrións ameazados, co espírito oprimido polo corazón de Europa e polas súas fronteiras)

Publicado en “El Correo Gallego” (25-03-16)