ANO DE CASTELAO

56fe417e07c79-cartel20c1

A Real Academia Galega de Belas Artes instituíu no 2015 o “Día das Artes Galegas”. Cómpre agradecerlle unha iniciativa que culmina o sentido da institución celebrando e difundindo a obra dos creadores sobranceiros, homes e mulleres que buscaron para a realidade unha dimensión interpretada. O segundo acerto da corporación é adicarlle a Castelao a primeira das celebracións, pois o rianxeiro foi, ademais de político notorio, creador da palabra en  varios xéneros, teórico e divulgador da arte, e artista de expresión plástica cumprida: caricaturista, debuxante, ilustrador, humorista, pintor… Máis alá dos seus logros de narrador, ensaísta, dramaturgo…, poucos autores retrataron coma el a nosa sociedade da época nin inmortalizaron a nosa paisanía con máis xeito unindo aos seus trazos, mínimos pero definidores, pequenos textos de tanto calado nas súas “Cousas” gráficas. El lévanos desde a tenrura espertada polos nenos e nenas tan desfavorecidos da fortuna que pensan que o Rei comerá azúcar, á carraxe polos abusos dos caciques contra aqueles pobres que, tendo en unha vaca, xa son ricos. Así mesmo, podemos citar a valía dos seus álbumes comprometidos coas duras realidades que frecuentou, desde a vida dos negros nas sociedades brancas ás atrocidades da guerra. Rianxo révese de orgullo vendo o seu querido e ilustre polígrafo honrado por Galicia adiante ao longo do ano.

Todas as facetas deste gran artista serán estudadas, mostradas e celebradas hogano. As actividades arrancaron o un de abril ao se inaugurar unha exposición da súa obra pictórica no Museo de Pontevedra: “Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)”, que consta de 96 obras, desde a primeira ata as publicacións do “Álbum Nós”. Estará aberta ata o 5 de xuño e inclúe materiais documentais para apoiar estas obras. O sábado día 2,  o debuxante Miguelanxo Prado pronunciou en Rianxo a conferencia “Castelao Artista”. A partir de aquí, comezarán múltiples actividades programadas polas Deputacións de Pontevedra e Lugo nas que participarán tamén os centros de ensino. 62 Concellos pontevedreses acollerán exposicións, obradoiros e concertos dedicados ao artista. O Porriño colga xa a exposición “De Castelao ao mañá: Unha ollada ao cómic galego”, cos traballos do rianxeiro sobre este tema. A mostra “Escenarios da Prehistoria para visitar” revisará mámoas, castros e petroglifos, con fotografías de Federico de la Peña que recollen o interese de Castelao pola Arqueoloxía. Outras dúas exposicións abordarán, na súa honra, o humor gráfico e as bandas de música. Non faltará a presenza de contacontos, cantares de cego, concertos e  obradoiros para os máis novos a cargo de diversos artistas de noso. A programación da Deputación de Lugo iniciouse coa representación de  Que comerá o Rei?”, inspirada nos textos e debuxos de Castelao. Percorrerá varios Concellos, igual que o farán “Retrincos” e “Os vellos non deben de namorarse”, textos sobranceiros do noso artista.

Publicado en El Correo Gallego (08-04-16)