HARMONÍA

13007314_10201629758901465_9017927213865103987_n

Canta harmonía
esconden os xardíns
de faramalla.

Advertisements

CASCO DE LEIRO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

JOSÉ MARÍA VICENTE ACOMPAÑADO POR QUEN ÍAN PARTICIPAR NA MESA

O 7 de abril de 1976, un veciño de Rial (parroquia rianxeira de Leiro) tivo encontro coa fortuna. Mercara á beira do areal chamado Curruncho dos Porcos unha toxeira –como chaman aquí a estes terreos- para construír un caseto no que gardar os complementos precisos a un mariñeiro. Tratanto de achandalo, pediulle axuda a un compañeiro para mover con pancas unha gran pedra –segundo el duns mil quilos- e púxose a cavar. Co aveño bateu nunha ola antiga, xa trabada polas raíces dos eucaliptos e dos toxos. Cando o pote escachou co golpe, viulle dentro algo que brillaba como a cadea de ouro que levaba ao pescozo. Recolleu a lata brillante, limpouna de terra, ensinoulla ao compañeiro, admiráronse ambos de que estivese alí e levouna para a casa considerando que atopara algo importante. Así o contaba o protagonista desta historia, José María Vicente, nun acto de conmemoración que organizou o Concello de Rianxo o día que se cumprían 40 anos do feito. E era certo que levaba algo importante: un casco emparentado con outros distribuídos polo continente europeo, acochado nunha paraxe ben simbólica da xeografia galega, escondite probablemente moi buscado para o deixar: o lugar onde o Ulla entrega a súa auga ao mar e se converte nunha lendaria vía de acceso ás terras de Galicia. Aquel achado puxo a parroquia de Leiro no mapa dos descubrimentos de restos arqueolóxicos relevantes de finais da época da cultura do Bronce. Bromeaba o homenaxeado, nesa xornada de recoñecemento e gratitude veciñal, con que se correra a voz de que atopara unha ola de moedas de ouro deses nosos míticos tesouros escondidos. E, en diálogo cos asistentes, recordaba os datos do casco: 15 centímetros de altura, 19´5 centímetro de diámetro e 270 gramos de peso. Entre o numeroso público estaban as catro xeracións da liñaxe deste xeneroso rianxeiro que entregou o seu tesouro ás autoridades, sabendo xa o que valía e cando inda non era obrigatorio facelo. Recibiu unha compensación económica, pero tan singular peza pasou a arriquecer o patrimonio ao alcance de quen queira admiralo no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

JOSÉ MARÍA VICENTE AGASALLADO POLOS ESCOLARES

Na mesa estivo acompañado por Manuel Gago, que falou do mito dos tesouros escondidos e da súa busca; Bea Comendador, investigadora especialista nesta peza de ouro repuxado e amartelado con avanzada tecnoloxía para unha decoración que parece incorporar a representación da esfera celeste; Roberto Pena, representante da Administración, que falou da lexislación vixente sobre estes descubrimentos; Xusto Ordóñez, concelleiro de Patrimonio de Rianxo, que presentou o acto, e o alcalde Adolfo Muíños, que o pechou louvando a xenerosidade dun veciño que contribuíu a que Rianxo cumprise tamén nese momento un papel importante para a cultura de Galicia como ten feito en momentos importantes da historia. As escolas unitarias obsequiaron o seu parroquiano cunha fermosa reprodución deste tesouro e outros traballos de aprendizaxe arredor del.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (15-04-16)