AS TÚAS MANS FIXÉRONME XARDÍN

 

(Lido ontre nun casamento, no que foi a única voz lírica feminina entre as outras)

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As túas mans fixéronme xardín,

xardín que se cubriu de buganvilias,

de xorros mornos,

de cantos e olores,

tal como aconteceu no paraíso.

 

O bo xardín amante sempre oculto e semisilencioso,

déixame ser por ti camelia e mirto

e ofrecerche benvidas de colores

danzando as percusións das carricantas,

dos grilos

e das ras.

 

Mentres me cobren

as pingotas de mel que caen na tarde

do violín do vento,

agardo a que se espallen os perfumes

que trae a noite

termando do farol por entre as brisas

dos labios das montañas.

 

Para que nos perdamos na lúa e nas estrelas

cos peixes colorados buligando no ventre

e as bolboretas brancas apousadas nos seos,

o xardín queda espido

ata a amencida.

 

Cando te vas

adormecido está como un infante

amamantado polas rosas brancas,

repousando nas miñas redondeces.

 

E queda, paseniño,

aniñando na rosa do meu corpo

o paxaro da alba.

 

 

“Festa do Corpo” (1994)

Advertisements