REVÁLIDA EN TERCEIRO

IMG_9327

Volve aí a reválida, en terceiro curso de Primaria. Temperá é esta reválida, como unha rosa que non tivo o tempo de medrar e queda en bocho incapaz de dar sinais do que pode ser. Como pedagoga, non podo mirar esa reválida sen sentir lástima polo alumnado, polo profesorado, polas familias e, sobre todo, pola educación. Porque non se sabe para que é. E algo que non se sabe para que é, é dicir, que non serve para nada, non debe ter cabida na educación institucional que ha ter ben claros os fins. Ninguén como o profesorado sabe como progresan as nenas e os nenos da súa aula e cales son as necesidades educativas de quen precise curriculums adaptados á gran diversidade dos escolares. Ninguén como o centro sabe con que medios humanos e materiais conta para que o alumnado desenvolva as súas capacidades nos diferentes niveis. Por iso entendo a Federación de Anpas Galegas cando di que, se esta proba carece de valor académico e non conta para o expediente persoal, non ten sentido que as nenas e os nenos se sometan á unha presión que altera “inutilmente” o funcionamento das aulas e a vida diaria dos escolares.

Quen recordamos a proba de ingreso no bacharelato, nacida da lei educativa de 1938, sabemos do martirio dunha proba temperá, aínda que non fose nominalmente reválida. O suplicio de demostrar que xa se sabía case todo aos 10 anos –eu tiña trece a sentíame igual de asustada- facíanos pasar por un exame escrito con lápiz de tinta e prego de papel mercado en librería na que se comprobaba a ortografía e a división por nove cifras. Despois, colocábante perante un tribunal que facía preguntas e te mandaba fronte a un mapa-mundi, mudo para máis angustia, e tiñas que ir mostrando coñecementos tan transcentes para a idade como colocar ríos en Asia, cabos en África ou montes nas Américas. Pero o durísimo asunto era unha proba selectiva que decidía se podías acceder a uns estudos que tamén elevarían a túa condición social. Logo viñan as reválidas propiamente chamadas que mostraban o que aprenderas nos tramos do bacharelato, inda que estaba aprobado. Eran outro cribado para poder ter un título e seguir os teus estudos. Aquela peneira tiraba moita xente e a ninguén preocupaba tal feito máis que aos aspirantes.

Afortunadamente, esta idea da educación foi evolucionando ata considerar que debe proporcionar posibilidades para que calquera poida progresar nos estudos obrigatorios, prestándolle no proceso os apoios que precise segundo unha avaliación continuada dos seus avances e das súas necesidades pedagóxicas. Nestas circunstancias, unha reválida en terceiro curso carece de sentido porque non mellora o proceso de avaliación continuada de cadaquén nin vai proporcionar os medios axeitados para que o seu fracaso se resolva. Se por riba se nos traslada a idea de que non vai deixar rastro nos expedientes nin ter consecuencias educativas é como decirnos con claridade que se trata dun paripé, inda que sexa difícil de comprender.

Publicado en El Correo Gallego (22-04-16)

 

Advertisements