AS VACAS MORTAS

IMG_8215Os nosos paisanos, case autárquicos, convivían con vacas das que sacaban leite para a mantenza, cartos dos xatos, forza motriz no traballo e calor baixo dos cuartos no inverno. Daquela, as súas vidas estaban próximas e non falo das pallozas, nas que as poxigueiras de comeren herba estaban tras do escano de comer a xente. Non hai moitas décadas, nas mellores casas de labranza as vacas comían en poxigueiras inda próximas aos locais das cociñas. As vacas tiñan nome propio, non se xoncían en día santo e non se lle consentía a ninguén que as maltratase. Os paisanos presentábanas  como o ben co que medían o alcance de perdas e desgrazas: “Levei máis desgusto que se me morrera a mellor vaca”. Castelao propoñía a vaca como símbolo da paz, porque a paz non se consegue sen as necesidades mínimas cubertas. A vaca, mantida aquí e muxida  fóra, estivo nun cartel favorable ao Estatuto de 1936. E nunha das  Cousas, “Se eu fose autor”, o rianxeiro pon no primeiro lance da obra a corte coa familia chorando arredor dunha vaca morta e as risas dos señoritos no patio de butacas ao pensar que os labregos choran a morte da vaca como unha gran desgraza. Contraponlle nun segundo lance un salón señorial no que unha famila chora arredor da cadeliña morta e os pobres do galiñeiro rin porque non ven tampouco iso como unha traxedia. Os modos de vida trazan prioridades e as necesidades marcan camiños con ben diferentes compañías.

Todo mudou cando a Galicia rural abandonou un modo de vida sostido  durante séculos. As vacas deixaron de ser compañeiras entrañables para seren produtoras de leite estabuladas en  explotacións que esixen dedicación plena e nada doada. Quen as atende non ten vacacións nin sequera horas de vagar. Galicia, a terra do leite, animouse a producilo de forma moderna buscando unha alternativa económica e fíxoo estimulada por normas cambiantes. Gandeiros e gandeiras asumiron así unha modernización moi cara á que hoxe non lle poden sacar resultado económico, porque o prezo do leite nin sequera cobre os custos da súa produción. A vida do noso rural foi abandonada á súa sorte, que non é a que merecía un país dedicado desde sempre ao sector primario –á pesca tampouco non lle vai moito mellor- porque tivo que competir en inferioridade de condicións con outras rexións dunha Europa na que é moi difícil lograr as mesmas oportunidades. Estes pasados días vimos fotos arrepiantes que mostran o drama de varias explotacións distantes entre si: as vacas estaban mortas, famélicas ou abandonadas nas súas granxas. Como a vaca é aínda un dos nosos símbolos e os nosos gandeiros non esqueceron quen son, temos que tratar de buscar que causas están detrás deste comportamento que non ten doada explicación e moito menos, como simple maltrato animal. Ten que haber detrás motivos serios que deben ser removidos para evitar que pasen tales feitos. E non abonda con castigos mentres se mira para outro lado como sen non existisen tamén causas externas.

Publicado en El Correo Gallego (29-04-16)

 

 

 

 

 

Advertisements