CASCO DE LEIRO

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

JOSÉ MARÍA VICENTE ACOMPAÑADO POR QUEN ÍAN PARTICIPAR NA MESA

O 7 de abril de 1976, un veciño de Rial (parroquia rianxeira de Leiro) tivo encontro coa fortuna. Mercara á beira do areal chamado Curruncho dos Porcos unha toxeira –como chaman aquí a estes terreos- para construír un caseto no que gardar os complementos precisos a un mariñeiro. Tratanto de achandalo, pediulle axuda a un compañeiro para mover con pancas unha gran pedra –segundo el duns mil quilos- e púxose a cavar. Co aveño bateu nunha ola antiga, xa trabada polas raíces dos eucaliptos e dos toxos. Cando o pote escachou co golpe, viulle dentro algo que brillaba como a cadea de ouro que levaba ao pescozo. Recolleu a lata brillante, limpouna de terra, ensinoulla ao compañeiro, admiráronse ambos de que estivese alí e levouna para a casa considerando que atopara algo importante. Así o contaba o protagonista desta historia, José María Vicente, nun acto de conmemoración que organizou o Concello de Rianxo o día que se cumprían 40 anos do feito. E era certo que levaba algo importante: un casco emparentado con outros distribuídos polo continente europeo, acochado nunha paraxe ben simbólica da xeografia galega, escondite probablemente moi buscado para o deixar: o lugar onde o Ulla entrega a súa auga ao mar e se converte nunha lendaria vía de acceso ás terras de Galicia. Aquel achado puxo a parroquia de Leiro no mapa dos descubrimentos de restos arqueolóxicos relevantes de finais da época da cultura do Bronce. Bromeaba o homenaxeado, nesa xornada de recoñecemento e gratitude veciñal, con que se correra a voz de que atopara unha ola de moedas de ouro deses nosos míticos tesouros escondidos. E, en diálogo cos asistentes, recordaba os datos do casco: 15 centímetros de altura, 19´5 centímetro de diámetro e 270 gramos de peso. Entre o numeroso público estaban as catro xeracións da liñaxe deste xeneroso rianxeiro que entregou o seu tesouro ás autoridades, sabendo xa o que valía e cando inda non era obrigatorio facelo. Recibiu unha compensación económica, pero tan singular peza pasou a arriquecer o patrimonio ao alcance de quen queira admiralo no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

JOSÉ MARÍA VICENTE AGASALLADO POLOS ESCOLARES

Na mesa estivo acompañado por Manuel Gago, que falou do mito dos tesouros escondidos e da súa busca; Bea Comendador, investigadora especialista nesta peza de ouro repuxado e amartelado con avanzada tecnoloxía para unha decoración que parece incorporar a representación da esfera celeste; Roberto Pena, representante da Administración, que falou da lexislación vixente sobre estes descubrimentos; Xusto Ordóñez, concelleiro de Patrimonio de Rianxo, que presentou o acto, e o alcalde Adolfo Muíños, que o pechou louvando a xenerosidade dun veciño que contribuíu a que Rianxo cumprise tamén nese momento un papel importante para a cultura de Galicia como ten feito en momentos importantes da historia. As escolas unitarias obsequiaron o seu parroquiano cunha fermosa reprodución deste tesouro e outros traballos de aprendizaxe arredor del.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (15-04-16)

 

ANO DE CASTELAO

56fe417e07c79-cartel20c1

A Real Academia Galega de Belas Artes instituíu no 2015 o “Día das Artes Galegas”. Cómpre agradecerlle unha iniciativa que culmina o sentido da institución celebrando e difundindo a obra dos creadores sobranceiros, homes e mulleres que buscaron para a realidade unha dimensión interpretada. O segundo acerto da corporación é adicarlle a Castelao a primeira das celebracións, pois o rianxeiro foi, ademais de político notorio, creador da palabra en  varios xéneros, teórico e divulgador da arte, e artista de expresión plástica cumprida: caricaturista, debuxante, ilustrador, humorista, pintor… Máis alá dos seus logros de narrador, ensaísta, dramaturgo…, poucos autores retrataron coma el a nosa sociedade da época nin inmortalizaron a nosa paisanía con máis xeito unindo aos seus trazos, mínimos pero definidores, pequenos textos de tanto calado nas súas “Cousas” gráficas. El lévanos desde a tenrura espertada polos nenos e nenas tan desfavorecidos da fortuna que pensan que o Rei comerá azúcar, á carraxe polos abusos dos caciques contra aqueles pobres que, tendo en unha vaca, xa son ricos. Así mesmo, podemos citar a valía dos seus álbumes comprometidos coas duras realidades que frecuentou, desde a vida dos negros nas sociedades brancas ás atrocidades da guerra. Rianxo révese de orgullo vendo o seu querido e ilustre polígrafo honrado por Galicia adiante ao longo do ano.

Todas as facetas deste gran artista serán estudadas, mostradas e celebradas hogano. As actividades arrancaron o un de abril ao se inaugurar unha exposición da súa obra pictórica no Museo de Pontevedra: “Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)”, que consta de 96 obras, desde a primeira ata as publicacións do “Álbum Nós”. Estará aberta ata o 5 de xuño e inclúe materiais documentais para apoiar estas obras. O sábado día 2,  o debuxante Miguelanxo Prado pronunciou en Rianxo a conferencia “Castelao Artista”. A partir de aquí, comezarán múltiples actividades programadas polas Deputacións de Pontevedra e Lugo nas que participarán tamén os centros de ensino. 62 Concellos pontevedreses acollerán exposicións, obradoiros e concertos dedicados ao artista. O Porriño colga xa a exposición “De Castelao ao mañá: Unha ollada ao cómic galego”, cos traballos do rianxeiro sobre este tema. A mostra “Escenarios da Prehistoria para visitar” revisará mámoas, castros e petroglifos, con fotografías de Federico de la Peña que recollen o interese de Castelao pola Arqueoloxía. Outras dúas exposicións abordarán, na súa honra, o humor gráfico e as bandas de música. Non faltará a presenza de contacontos, cantares de cego, concertos e  obradoiros para os máis novos a cargo de diversos artistas de noso. A programación da Deputación de Lugo iniciouse coa representación de  Que comerá o Rei?”, inspirada nos textos e debuxos de Castelao. Percorrerá varios Concellos, igual que o farán “Retrincos” e “Os vellos non deben de namorarse”, textos sobranceiros do noso artista.

Publicado en El Correo Gallego (08-04-16)

SEMANA TURÍSTICA

 

CeqtV85WsAApJx5

FOTOGRAFÍA QUE CIRCULOU POLAS REDES

Quen tivo a idea de lle atribuír “interese turístico” á Semana Santa convertiuna nunha celebración gratificadora cun certo contrasentido. Ao falarmos de celebrar a crucifixión de Xesús o Galileo. Por interese turístico, en defensa do que significa para o desenvolvemento económico, adquire unha fasquía ben diferente. Un tempo chamado a ser de recollemento e reflexión espiritual para crentes, acaba en destino de lecer para potenciais consumidores a quen hai que preparar un espectáculo digno de emprender unha viaxe. Canda o espectáculo vai gastronomía, pernoctación e todo o bo que intercambian visitantes e visitados con fins comerciais cando a hospitalidade mercantil preside o negocio. Non sei que opinaría o conmemorado se puideramos ter acceso a unha resposta. Biblicamente, as respostas adoitaban ser concedidas a persoas escolleitas que saben custodialas. El entrou enfadado no templo, nas proximidades dunha Pascua, porque viu mercadeo (Sn. Xn. II, 13-22). Quizabes vise tamén algo de mercadeo en tanta gala, inda que non haxa vendedores de animais de sacrificio nin cambistas visibles.

O tempo climatolóxico portouse a medias: uns días houbo sorte e puideron saír á rúa os cortexos da Paixón. Outros, choveu. A xente leva moi mal que chova, como se a auga non fose enviada por El Señor ou, cando menos, co seu consentimento, razón para aceptala como un dos seus pequenos designios de cada día. En Sevilla hogano puideron acabar a peculiar penitencia e, chegando o domingo de Resurrección, remataron a festa coa tourada na Maestranza, seguindo a tradición e engadíndolle valor turístico taurino. A tradición é seguir facendo o que se viña facendo porque empezou unha vez, porque hai moita xente empeñada en cumprila como se cada tradición fose inherente á condición humana. Mais as tradicións tamén se modifican e o equilibrio que os expertos encontraban entre a devoción de costaleiros e penitentes, e a celebración e goce do espectáculo periga porque empezan as escolas a vestir nas vésperas as criaturas de personaxes da Paixón. Hogano, as redes sociais publicaron fotografías de gólgotas con crucificados e crucificadores infantís moi no papel.

As nosas vilas buscan tamén engados para unha Semana Santa de máis consumo, lucimento e socialización veciñal. As escolas de música ven ocasión de que o alumnado noviño percuta nos tambores e as costureiras preparen traxes de roles bíblicos, que non só van desfilar encarapuchados. O mundo rural non quedou atrás. Cando foi preciso,  montaron o paso nun tractor, peana moi doada de mover. Como sempre lle pasa ao máis débil, este turismo en Galicia acarrea problemas de lingua. Considerando a temática do espectáculo pouco coñecida, unha das nosas parroquias suprimiu hogano o galego para facilitar a comprensión a quen andara por alí. Por compensar de amor o país, cambiaron o  himno nacional na liturxia polo galego. Parece non estar claro que estes himnos non poden nin deben mesturarse coa relixión.

Publicado en El Correo Gallego (02-04-16)