Que non hai fenda
entre a morte e a vida.
Todo é proceso.
Arquivo por meses: Maio 2016
ROTURA
IRMANDADES DA FALA
Hogano é o centenario das Irmandades da Fala, movemento senlleiro na defensa do idioma que o considerou adecuado para usos dos que fora afastado séculos atrás. Privado dos ámbitos de prestixio, convertérase en ágrafo ao se establecer na oralidade das clases sociais menos favorecidas, que eran a gran maioría do país. Tras o devalo do rexionalismo e do galeguismo de finais do s. XIX, xorde este movemento cidadán, nada alleo ao contexto da nova configuración europea que recoñece dereitos nacionais a varios países, como Polonia e Irlanda. En 1916, Aurelio Ribalta fai un chamamento a defender a lingua galega na revista “Estudios Gallegos”, que fundara en Madrid. En tal idea, ben acollida por diferentes sectores ideolóxicos, viña traballando con intelectuais como Antón Vilar Ponte. O 18 de maio de 1916, os irmáns Vilar Ponte convocaron na Coruña unha asemblea nos locais da Real Academia Galega á que asistiron vinte persoas comprometidas coa lingua. Acordaron a creación dunha das “Irmandade de Amigos da Fala” coa idea de rexenerar globalmente a Galicia. A segunda Irmandade naceu en Santiago de Compostela dez días máis tarde, o 28 de maio. Co tempo, as Irmandades chegaron a 28, foron acollendo a intelectuais e a profesionais liberais, e contaron con personalidades das letras como Antonio Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. O movemento era vizoso e tamén se crearon agrupacións en Madrid, La Habana e Buenos Aires. As súas primeiras acción dirixíronse á promoción da cultura e da lingua mediante cursos de galego, recitais de poesía, xogos florais, exposicións e outras actividades. O 14 de novembro dese mesmo ano, sacan á luz “A Nosa Terra”, o seu órgano oficial, editada integramente en galego. Contou cuns 2000 suscriptores desde o comezo.
O desenvolvemento do traballo das Irmandades da Fala foi decisivo para a Galicia que hoxe coñecemos, pois tiveron unha repercusión política e cultural de gran calado. Nelas están as bases dos programas do nacionalismo galego de preguerra: a definición de Galicia como nación, o reclamo da autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do seu idioma. En canto á literatura, sustento privilexiado de calquera lingua, promoveron e renovaron o teatro, cultivaron a narrativa introducindo a novela curta e o relato, e cultivaron o pensamento en galego a través do enasaio e do xornalismo. Outro labor educativo e de integración máis oculto foi a incorporación de mulleres ás súas filas que procedían de distintos ámbitos sociais e ideolóxicos. As máis coñecidas son María Miramontes, apoio fundamental para a Editorial Nós coa que o seu home Ánxel Casal deu orixe ao libro galego moderno, e a profesora Pura Lorenzana, que formou parte da Primeira Xunta de Goberno do Padroado Rosalía de Castro. Participan tamén Amparo López Jean, Micaela Chao Manciñeiras, Elvira Bao e Coroa Gonzalez, entre outras.
María Miramontes (Fonte: Álbum Mulleres do CCG)
Publicado en El Correo Gallego (27-05-16)
NOIVAS
SOMBRAS
BICO
PORTA TAPIADA
CHUVIA
RIANXO: GAIOLA DE SOÑOS
A revista dixital sobre libros “Biosbardia” fixo, viaxando no tempo, unha entrevista a Manuel María xuntando varias das que concedeu en vida para dar a coñecer o pasado 16, véspera do Día das Letras Galegas, o perfil dun dos escritores máis populares, prolíficos e polifacéticos do século XX, homenaxeado hogano. Á pregunta “Por que incluíu na súa obra textos específicos para a infancia?”, o autor responde: “Cando era pequeno botaba en falta libros de poemas infantís que falasen daquilo que nos arrodeaba. Moitos poemas escribinos por solicitude das propias crianzas. Tamén para que valesen entre os profesores como escusa para explicarlles aos alumnos a historia de Galicia”. Certamente é un dos nosos grandes que se ocupou en achegar a poesía ás criaturas. E, inda que na súa resposta lle marca á esta poesía unha certa utilidade didáctica –algúns dos seus versos teñen marcado carácter de arenga a favor da lingua, por exemplo-, a obra dun bo poeta sempre supera o didactismo e é a súa unha creación lírica de gran valor lúdico, emocional e estético para os primeiros anos da vida. Autor dun dos nosos clásicos infantís, “Os soños na gaiola” (1968), foi este, xa que logo, un escritor de moi doada introdución na escola infantil e primaria durante este ano. A riqueza dos seus poemas, moi sustentados na nosa realidade sociocultural, descóbrelles e descríbelles a nenas e nenos aquelas cousas que se perderon cos cambios e as que permanecerán. Tal contido poético fixo posible a creación de valiosos proxectos pedagóxicos globalizados arredor de Manuel María, uns realizados por artistas profesionais que chegaron aos colexios desde fóra e outros de elaboración nos propios centros, dos que hai abondosas mostras circulando polas redes sociais de sorprendente calidade.
O día 17 celebrouse en Rianxo o Concerto das Letras Galegas “Os Soños na Gaiola”. Foi a mostra dun traballo colaborativo do CEIP Ana María Diéguez de Asados e a Escola de Música de Rianxo. Baseándose no traballo que sobre o libro editara Suso Vaamonde (1978), o compositor Antón Alcalde fixo arranxos para seren interpretadas as cancións por coro e orquestra Orff mais banda. O profesorado do colexio integrou o alumnado máis noviño para desenvolver, no primeiro plano do gran escenario do Campo de Arriba á sombra dos plataneiros, o movemento corporal que incorporaba pequenos elementos de atrezzo relativos ás letras e coreografía de danza e rolda. Presentou o concerto Belén Xestal e, entre as sete interpretacións do gran grupo musical, seis persoas representativas dos centros e da sociedade rianxeira leron cadanseu poema do mesmo libro. Un numeroso público estivo entregado ao resultado dun traballo de moita dificultade maxistralmente unificado polo dúo de dirección, Irene Amado e Rafael Collazo, con educadoras que manexaban as criaturas do primeiro plano. Rianxo conserva e transmite o idioma e merece todos parabéns 365 días do ano. É unha gaiola de soños para a lingua.
Publicado en El Correo Gallego (21-0516)