REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN

REVISTA DE EDUCACIÓN

O pasado mércores presentouse na Librería Couceiro de Santiago o número 64 da “Revista Galega de Educación” cun monográfico sobre educar a través da poesía, que coordinaron Rosalía Fernández Rial e Miguel Vázquez Freire. Hai que lle agradecer a unha revista de prestixio que dedique un número a promover a presenza da poesía na escola como divertimento estético dos escolares e ferramenta educativa. As criaturas posúen unha conformación que as fai percibir o mundo de xeito máxico. Dotan de vida canto as rodea e os seus xogos coa linguaxe parécense ao traballo rítmico que esixe a forma poética. Elas que, dalgún xeito reproducen tamén a infancia colectiva da humanidade, póñense a crear coa palabra imitando a poesía nas formas coas que o fixeron as culturas da humanidade nos seus primeiros séculos. Coa madurez cognoscitiva van perdendo a característica que cultivarán quen van ser poetas e será cando este xénero sexa substituído pola narrativa y en competencia co tentador universo dixital, que non é precisamente promotor da literatura. Ese proceso evolutivo acontece durante os anos que as nenas e os nenos pasan na escola, de aí oportunidade de que a educación institucional continúe transformando e acrecentando esas capacidades fabulatorias a través de modelos que as incorporan á creación colectiva universal no xénero cume da expresión de calquera lingua. De non haber unha adecuada intervención escolar, ou porque en aparencia a poesía é o texto menos utilitario e máis complicado de interpretar ou porque o profesorado tampouco non ten adquirida a capacidade de sentir e transmitir a emoción poética, acaba sendo  un xénero literario moi reducido na produción e no consumo. Polo camiño queda toda a potencialidade que a poesía ten de axudar a medrar en harmonía e goce estético, de espertar sentimentos solidarios e de facer algo mellor o mundo.

IMG_9320

Publicado en  El Correo Gallego (06-05-16)

 

 

 

 

 

 

Advertisements