BEIXOS CAÍDOS

13178002_10201733434813298_1611746391599472820_n

A primavera
manda ceibar os beixos
xa fecundados.

Advertisements

O DÍA DE EUROPA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pasou o Día de Europa, triste e chuviñento como esta primavera. Motivos de alegría colectiva hai poucos e nos camiños de tránsito dos emigrantes, ata a chuvia é símbolo de sufrimento. O día conmemora unha proposta de  Robert Schuman, ministro francés de asuntos exteriores, feita o 9 de maio de 1950, cinco anos despois da rendición do réxime nazi e nunha Europa devastada pola II Guerra Mundial. A proposta de que o carbón e o aceiro de Alemania (daquela República Federal Alemana), Francia e os demais países que se adherisen se sometera á administración conxunta foi o primeiro paso para a creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, orixe da actual Unión Europea. “A paz mundial non pode salvagardarse sen uns esforzos creadores equiparables aos perigos que a ameazan”. “Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito” son dúas das afirmacións de Robert Schuman no manifesto. Era a busca da paz, porque sometía a producción da industria armamentística á autoridad única, polo que, os países que participaran na organización, terían difícil iniciar entre eles unha guerra.

Un dos símbolos oficiais da unión é o Himno Europeo, con orixe na “Oda á alegría” de  Schiller e na música da Novena Sinfonía de Beethoven. Foi adoptado oficialmente en 1985, cando Herbert von Karajan escribiu tres arranxos instrumentais para piano, vento e orquestra sinfónica. Como Europa propiciou tamén un tempo o esperanto como lingua de entendemento común que non lle outorga poder de dominio sobre as outras, fago unha versión literal collendo dese idioma as dúas estrofas que poñen fin á letra do himno: “Baixo o escudo da xustiza/ vivamos en concordia./ Este é o noso xuramento:/ un país e un destino./ Deamos exemplo ao mundo./ Aquí temos a dirección, aquí o camiño:/ unha gran familia de toda a humanidade/ na paz e na alegría”. O poema é hoxe máis que nunca un gran desexo, pois a Comunidade Europea creou unha fenda entre países ricos e pobres, que segue medrando, e outra fenda de fraternidade entre propios e foráneos, que hoxe son fundamentalmente os que buscan refuxio e tropezan coas fronteiras. “Deamos exemplo ao mundo… unha gran familia de toda a humanidade”. Case 70 anos despois, máis de 60 millóns de persoas saen  de Siria, Afganistán, Iraq, Palestina, Eritrea, Nixeria, Somalia… fuxindo da guerra, da fame ou da violencia sexual que provocan os intereses xeoestratéxicos e económicos promotores do espolio de riquezas e da venda de armas. A cidadanía europea non ampara o desprezo aos dereitos humanos desta xente que non é acollida pola Unión Europea como se lle prometeu. O último  golpe a esta grave crise é o vergonzoso acordo con Turquía. A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) decidiu denunciar o acordo UE-Turquía ante a Comisión Europea, o Consello de Europa e o Defensor do Pobo Europeo, pola vulneración dos seus dereitos.

Publicado en El Correo Gallego (13-05-16)