RIANXO: GAIOLA DE SOÑOS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A revista dixital sobre libros “Biosbardia” fixo, viaxando no tempo, unha entrevista a Manuel María xuntando varias das que concedeu en vida para dar a coñecer o pasado 16, véspera do Día das Letras Galegas, o perfil dun dos escritores máis populares, prolíficos e polifacéticos do século XX, homenaxeado hogano. Á  pregunta “Por que incluíu na súa obra textos específicos para a infancia?”, o autor responde: “Cando era pequeno botaba en falta libros de poemas infantís que falasen daquilo que nos arrodeaba. Moitos poemas escribinos por solicitude das propias crianzas. Tamén para que valesen entre os profesores como escusa para explicarlles aos alumnos a historia de Galicia”. Certamente é un dos nosos grandes que se ocupou en achegar a poesía ás criaturas. E, inda que na súa resposta lle marca á esta poesía unha certa utilidade didáctica –algúns dos seus versos teñen marcado carácter de arenga a favor da lingua, por exemplo-,  a obra dun bo poeta sempre supera o didactismo e é a súa unha creación lírica de gran valor lúdico, emocional e estético para os primeiros anos da vida. Autor dun dos nosos clásicos infantís, “Os soños na gaiola” (1968), foi este, xa que logo, un escritor de moi doada introdución na escola infantil e primaria durante este ano. A riqueza dos seus poemas, moi sustentados na nosa realidade sociocultural, descóbrelles e descríbelles a nenas e nenos aquelas cousas que se perderon cos cambios e as que permanecerán. Tal contido poético fixo posible a creación de valiosos proxectos pedagóxicos globalizados arredor de Manuel María, uns realizados por artistas profesionais que chegaron aos colexios desde fóra e outros de elaboración nos propios centros, dos que hai abondosas mostras circulando polas redes sociais de sorprendente  calidade.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O día 17 celebrouse en Rianxo o Concerto das Letras Galegas “Os Soños na Gaiola”. Foi a mostra dun traballo colaborativo do CEIP Ana María Diéguez de Asados e a Escola de Música de Rianxo. Baseándose no traballo que sobre o libro editara Suso Vaamonde (1978), o compositor Antón Alcalde fixo arranxos para seren interpretadas as cancións por coro e orquestra Orff mais banda. O profesorado do colexio integrou o alumnado máis noviño para desenvolver, no primeiro plano do gran escenario do Campo de Arriba á sombra dos plataneiros, o movemento corporal que incorporaba pequenos elementos de atrezzo relativos ás letras e coreografía de danza e rolda. Presentou o concerto Belén Xestal e, entre as sete interpretacións do gran grupo musical, seis persoas representativas dos centros e da sociedade rianxeira leron cadanseu poema do mesmo libro. Un numeroso público estivo entregado ao resultado dun traballo de moita dificultade maxistralmente unificado polo dúo de dirección, Irene Amado e Rafael Collazo, con educadoras que manexaban as criaturas do primeiro plano. Rianxo conserva e transmite o idioma e merece todos parabéns 365 días do ano. É unha gaiola de soños para a lingua.

Publicado en El Correo Gallego (21-0516)

 

Advertisements