VOAXA E CARMÍN

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Con “Voaxa e Carmín” Esther F. Carrodeguas obtivo o 10º premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, texto que vén de publicar “Difusora de Letras, Artes e Ideas”. Conta cunha nota-dedicatoria da autora sobre a aproximación ás personaxes inspiradoras, “As dúas en Punto”. No prólogo, Fabrice Corrons (Universidade de Toulouse 2) sitúa a autora no conxunto do teatro contemporáneo feito por mulleres en todo o estado, fai unha análise do texto e dános claves para a lectura, pois o texto dramático só cobra todo o sentido na escena, que é onde nos conmove e nos predispón á reinterpretación persoal do conflito que presenta. Péchase cun epílogo da profesora Encarna Otero,  reivindicadora da dignificación de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, que nos ofrece un resume da tráxica historia da familia e das actitudes desafiantes e atípicas destas mulleres que sufriron cruelmente a opresión do franquismo.

O drama, ficcional porque altera nun momento a rotina das biografías, está moi logrado. A traxedia desenvólvese nun diálogo ininterrompido das dúas personaxes, moi dependentes entre si e totalmente illadas da realidade. Elas foron no seu existir como figuras do teatro pola rúa, coa súa vestimenta e coa súa actuación perante os espectadores. Parecían intepretarse a si mesmas, como máscaras actuando no escenario de Compostela á marxe da vida común que exercía a veciñanza. Eu tamén fun espectadora desa actuación nos anos 1965-66. Seren teimudas no horario, no traxecto, no disfraz, na maquillaxe, facíaas personaxes dunha obra que a xente podía ver e, de feito, saía para miralas meterse con elas, como se fai coas máscaras do Entroido. “Voaxa e Carmín”, coa recorrencia nos diálogos ao viño Sansón e ás galletas como alimento único, vainos pintando unhas mulleres extravagantes, empobrecidas, torturadas por forzas externas, torturadas por si mesmas coa súa sexualidade reprimida, dependentes en exceso unha da outra, pautadas polos consellos do pai e do irmán Manuel –os máis influíntes no proceder que elas cren correcto e a fonte orixinaria do seu conflito co franquismo-, da nai e de Sarita… Os personaxes están ben conseguidos en si mesmos e, xa contrastándoos,  son moi concordes coa historia destas mulleres que nos fixeron rir nunha época de escuridade e chorar cando foi posible recuperar esa memoria histórica que dalgún xeito nos tiña afectadas a todas as mulleres da época e á sociedade en xeral. Teremos ocasión de ver a obra completada pola dirección de Xavier Castiñeira  e dúas grandes actrices,  Mabel Rivera e Belén Constenla, capaces de interpretar  as dúas mulleres que hoxe están simbolizando dalgún xeito a Compostela e que son memoria do tristísimo paso daquel franquismo agrisado polo noso país e pola nosa xente. Completan a ficha técnica Kukas (escenografía), Roi Fernández (audiovisuais), Javier Quintana (iluminación), Trini. F. Silva (maquillaxe) e Mari Seoane (vestiario). Presentarase na MIT de Ribadavia.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publidado en El Correo Gallego (03-06-16)

 

Advertisements