NON Á INTOLERANCIA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Unha rúa de Bruxelas

Hai un principio contra o que é inútil loitar porque a batalla está perdida por longa que sexa para uns e dolorosa para outros: o principio da realidade. Non producirá máis que agresividade e frustración en quen se empeña en negala e moita dor en quen sabe que non se pode negar. Aquilo que existe é, persígase canto se persiga. Xa que logo, todo o que se faga contra as persoas que non seguen o patrón xeral das inclinacións sexuais –sempre que non ocasionen ningún problema por se comportaren coa ética da maioría, non exercendo nin explotación nin violencia nas relacións consentidas por persoas adultas-, non conducirá a outra cousa que a crear traxedia máis ou menos visible pola intolerencia e a fincuraxe de nos cortar a todos por un patrón único. As persoas homosexuais existen, existiron sempre e van seguir existindo, porque as historias de amor escríbense cos corpos e non coas ideoloxías. A intolerancia non fixo máis que arrepuxalas contra as súas propias cordas, facelas desgraciadas, obrigalas a dobre vida con matrimonios indesexados, vivir exilios dentro das propias familias, habitar cárceres como “vagos e maleantes”, soportar agresións físicas e penas de morte, ou a morte producida directamente por alguén fanático.

O acontecido nun clube de Orlando, popular entre a comunidade gay, é bo exemplo desa intolerancia. Omar Siddique Mateen, con 29 anos, asasinou a 50 personas e deixou 53 feridas. Ten toda a traza dun crime homófobo. O pai do asasino declarou que puido desencadearse por ter visto unha parella gay abrazada en Miami, feito que lle produciu gran respulsa. Elixir un local con presenza moi significativa de homosexuais indica criterio de selección das vítimas que o afasta da simplicidade do  terrorismo islámico, por máis que si é un acto de terror durante o que varias vítimas escondidas ían relatando por wthatsapp o horror que sentían ata que un tiro poñía punto final. Parece ser que o asasino visitaba o lugar con certa frecuencia e que incluso se divertía nel, o que revela moito do que esconden estas fobias, que é o medo que produce a inseguridade coa que se afronta a sexualidade propia. As relixións tampouco son tolerantes con este colectivo, sacado un xesto que mostrou hai pouco o Papa Francisco. A Fiscalía vén de abrir dilixencias contra o cardeal Cañizares por se cometese delicto de odio con declaracións moi duras contra o que el chama imperio gay. Por iso, a sociedade ten que vixiar estes excesos. No século XXI a tolerancia témola gañada a pulso despois dos abusos de intromisión e violencia sobre a vida das persoas pola súa sexualidade, etnia, crenzas, cultura, xénero ou calquera característica que lles veña dada e as faga diferentes aos ollos dos que cren ser o embigo do mundo. Defendamos a existencia da diversidade e celebremos que este colectivo teña dado persoas destacadas en todos os ámbitos debendo vivir a súa condición como estigma ou gardar o seu segredo  pechado con sete chaves.

Publicado en El Correo Gallego (17-06-16)

 

LUEIRO REY XORNALISTA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A celebración do centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey ten o centro nas actividades que se desenvolven no Pazo da Cultura de Pontevedra, de 12 de maio a 16 de xuño. Unha gran exposición fotobibliogrática, completada pola obra de 22 artistas da plástica -idea e deseño de Carmen Carreiro, con Ramón Rozas de comisario e Ramón Nicolas de coordinador-, e a música de Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro, acompañan un programa semanal de catro mesas sobre o Lueiro Rey narrador,  poeta e xornalista, e o seu perfil humano e político. A exposición continuará ata o 19, facendo despois itinerancia por Galicia e o norte de Portugal.

Unha aportación que arriquece o evento, xa importante de seu, é a recuperación de artigos xornalísticos escritos en galego (1977-1988), recompilados por Ramón Nicolás e publicados nun libro por Laiovento. “Novas crónicas dunha transición intransixente” foi presentado na mesa sobre o Lueiro xornalista, labor que desenvolveu co interese de quen quere facer aportes máis directos do que os libros mostrando as súas ideas. Este xénero crea un campo de interacción inmediato cos lectores, que suscita debate, seguindo próximo á literatura, pois o afán de estilo e o manexo do idioma son ferramentas de traballo das que quen escribe nunca adoita prescindir, tal é o caso de Lueiro Rey. Esta escrita próxima á realidade, que atopa un espazo privilexiado entre o discurso informativo que narra o acontecer do día, supera a asepsia que debe ter a resposta aos cinco “w”. Os lectores e lectoras que procuran o xornal para saberen  o que pasa no mundo queren atopar de paso un discurso diferente, que expreme as connotacións das palabras, estimula o gozo estético e resalta a liberdade de pensamento, segundo a subxectividade coa que cadaquén se implica no acontecer.

Esa promiscuidade coa noticia decide que este tipo de textos teña un destino efémero, porque a temática adoita fusionarse coas marés dos acontecementos. Mais ao libro “Novas crónicas dunha transición intransixente” non lle acae o da efemeridade.  Esa parte  da escravitude do contido ao curto espazo do día só se cumpre nestes 63 artigos en canto que se tiveron que recuperar da hemeroteca. Aquela súa voz “intransixente, rexa, cívica e comprometida” segue vixente “hic et nunc”. Escritos con formas moi variadas –con uso frecuente da poesía- tratan gran diversidade de contidos con profundidade ética e coa engranaxe dunha sólida cultura. Mesmo é asombrosa unha actualidade que só pode explicar a profundidade do pensamento dun autor que sabe buscar referencias e puntos de interese no substracto da realidade mutante para conectar coa permanencia. Mais tamén, é aí está o acerto duplo desta recuperación, porque as miradas máis críticas de hoxe volven fixarse nese espazo de tempo convulso que Lueiro esmiúza deixando nos seus escritos o pouso dunha análise atinada que ha sorprender a quen someta a crítica o atropelado acontecer sociopolítico dos nosos días.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Publicado en El Correo Gallego (10-06-16)