A LINGUA DEPENDENTE

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A lingua do noso país é unha lingua dependente. Non hai linguas independentes, porque ningunha o é dos seus falantes nin da súa sociedade, pero unhas sono máis, moito máis, que outras. Para as que son máis dependentes e a política ten que asumir a súa protección, todas as normas legais emanadas desa política deben ser un tratado para aminorar esa dependencia. Cando están ditadas con fins espúreos, que non son a defensa real e o interese de que permanezan, acelérase o proceso cara a dependencia total ata precisaren mesmo osíxeno para non acabaren sendo residuais ou rituais. Porque matar de todo unha lingua que tivo proxección escrita e literaria, e que aínda resiste na boca dos falantes máis concienciados, é tan difícil como sostela sen grandes perigos. Sempre quedarán os libros, estudosos nativos e estranxeiros cultos que as admiran todas e as valoran como elementos de comunicación únicos e pezas clave para entender o mundo plural da humanidade. E intentarán restauralas, cando menos para o terreo da Filoloxía. Os idiomas son entidades sociais vivas sostidos pola vontade de intercomunicación.

Ao seren vivas, tamén son fráxiles e ás veces deben soportar acosos e mesmo ataques escolares que hoxe poderían ser considerado bullying, pois o maltrato na escola dase tamén por silencio prolongado cando debe haber presenza. Entre as aulas galegas que se habilitan como colexios electorais, e moito máis onde o alumnado e o seu entorno se expresan habitualmente na lingua de Castelao, non debía haber ningunha que mostre nas paredes o uso habitual e exclusivo do castelán e do inglés. Onde vai o galego? Esta circunstancia é un serio acoso escolar pois non se lle permite estar no seu territorio, dentro do territorio simbólico da educación, sequera fose en compañía das outras. Que dependente está neste ambiente a lingua de quen a introduza e a faga ver como vehículo necesario de cultivo persoal e de autoestima dos seus falantes!

A lingua depende de cada un de nós. Primeiro, do noso compromiso persoal de falala e de estimala, que eu creo un deber irrenunciable. E segundo, axudando a que outras persoas con boa vontade a poidan usar e usala ben. Eu sempre confeso que son unha ONG persoal co empeño de axudar a moita xente a corrixir, traducir e supervisar coas tecnoloxías que temos hoxe ao alcance e fan doado este servizo, porque eu podo facer  traballo. Onte mesmo traducín un pequeno texto de gratititude por condolencia mortuoria, campo no que a lingua é moi pouco usada polos seus propios falantes. Dependía de min que saíse nun ou noutro idioma e eu non podo fallarlle nin á lingua nin a quen ten a vontade de que se normalice nun uso do que estivo totalmente afastada e non logra inda a mínima normalidade. Ben sei que a defensa e o bo uso dun idioma non poden depender de voluntariedades. Pero tamén sei que o galego é dependente das actitudes persoais de xente que debe suplir outras accións cando estas tanto se lle escatiman.

Publicado en El Correo Gallego (02-07-16)