OLLOS

haiku1

Os ollos nados

nas caracochas mortas

non miden tempo.

Advertisements

OITENTA ANOS DESPOIS

IMG_9983

Oitenta anos despois do levantamento militar do xeneral Franco, celebrouse no Pazo de Trasalba un acto de memoria no que o Concello de  Amoeiro, a RAG e as Fundacións Otero Pedrayo e Castelao aglutinaron voces que puxeron de manifesto que a sociedade se conmove ante feitos que produciron dor nos sufridores directos, nas súas familias e nun país mutilado de seu e sen a intelectualidade máis preclara por morte ou por exilio, mesmo que este ocorrese no interior. No acto “A represión franquista contra os intelectuais galegos”, foron lembrados fundamentalmente os dous represaliados que eran académicos, Otero Pedrayo e Castelao, e recibiron tamén homenaxe os milleiros de vencidos por aquel levantamento e as súas conscuencias, moitos inda nas fosas comúns. Baixo un sol de xustiza, o nutrido número de asistente gozou das sombras que proxecta  o pazo polos seus muros e a arboreda. No salón de actos,  D. Ramón, por medio dun seu retrato, dispoñíase a presidir unha celebración que ben seguro foi moi do seu gusto.

IMG_9991

Recibimos as palabras de benvida dos anfritrións, Víctor F. Freixanes,  presidente da Fundación Otero Pedrayo, e Rafael Rodríguez Villarino, alcalde de Amoeiro, que fixo unha comprometida defensa da obriga de cumprir en plenitude a Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura. Á tan emotiva introdución sucedérona intervencións agrupadas en cinco núcleos de contido. En primeiro lugar, a disertación de dous académicos arredor de cadanseu homenaxeado. Xesús Alonso Montero sobre “Ramón Otero Pedrayo desposuído da súa cátedra” e Henrique Monteagudo sobre “Castelao: represión e espolio dos seus bens”. Sorprende que aquel réxime retirase da súa cátedra a un cabaleiro cristián de dereitas sen máis delicto que lle querer fondamente ao seu país e traballar por el durante a súa vida. En canto á incautación da totalidade dos bens de Castelao, mobles e inmobles, é un feito menos coñecido porque algúns destes bens, como a casa de Rianxo, se puideron ir recuperando para que súa nai mais as dúas irmás puideran acabar nela os seus días. Seguiron as palabras de familiares de intelectuais represaliados que incidiron na urxencia de facer recuperación dos restos que permanecen  nas fosas para que estas vítimas reciban despois de oitenta anos a dignidade da recuperación e da reparación.

IMG_0001

O terceiro espazo foi para tres músicos do sexteto Tundal interpretando dous romances recollidos na montaña luguesa que narran a morte de senllos fusilados: o comandante Moreno n’A Fonsagrada e Ismael, un veciño d’Os Ancares, apoiándose nun fermoso cartel de cego da ilustradora Noemí López como fondo do canto. Houbo tamén espazo para tratar das relacións da guerra civil coa nosa literatura, no que se fixo unha referencia Eduardo Blanco Amor en defensa da Segunda República. O broche final puxérono poetas.

Publicado en El Correo Gallego (22-07-16)