DIVERSIDADE SEXUAL NAS AULAS

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pídenme unha visión do tratamento da diversidade sexual na aula de secundaria durante a ditadura e enfróntome a unha reflexión importante para someter a crítica o que se vía normal e non o era. Empecei a traballar no 1960 e estiven no mundo rural -agás un curso- ata 1975. Neste habitat crebábase normalmente a segregación por xéneros e a escola era mixta. Así, a diversidade sexual era mínima na aula, pois había nenas e nenos cuxa convivencia había que harmonizar na práctica, inda que os programas non fosen os mesmos. Nas outras unitarias e graduadas non había nin esa convivencia dual. Outra diversidade sexual nunha época de represión non estaba contemplada nos contidos da educación nin na acción pedagóxica. Máis aló da traxedia persoal de sufrir o silencio dunha identidade diferente, como na aula non se producían conflitos, non existía o problema. E non habendo problemas, non había que atallalos. O conflito xorde na sociedade máis libre, cando se fala abertamente e cadaquén empeza a situarse no lugar que lle corresponde. De que os demais acepten ou non esta elección ou inclinación persoal, depende a atención que se lle preste, porque hai que atacar o acoso que tanta dor produce e tan traxicamente pode acabar. Ningunha lei educativa asumiu aínda esa realidade para metela nos seus contidos. A tan necesaria como deostada “Educación para a cidadanía” introducía a diversidade sexual nos obxectivos de aprendizaxe e este foi o seu talón de Aquiles. Como a realidade é moi teimuda agora hai que vir lexislando detrás para atallar os problemas de convivencia e vaise facer por autonomías. O pleno da Asamblea de Madrid vén de aprobar por unanimidade unha lei de protección integral contra a discriminación por diversidade sexual e de xénero.

Do meu traballo no mundo rural non encontro indicadores de que houbese ninguén que manifestase desacomodo co patrón establecido. Se rastreo na experiencia do traballo urbano, xa en democracia, si atopo indicios de diferencias encaixables na clasificación plural que pode ter representación nas aulas. Como tampouco non houbo conflito explícito, non houbo necesidade de ningún tratamento. Teño que engadir que a maior parte da miña acción pedagóxica foi en centros públicos que, excepcionalmente, só tiñan alumnado feminino, como se o meu traballo fose camiñando ao revés da evolución integradora. E é bo telo en conta porque a diversidade sexual feminina foi inda máis ocultada. Vexo na distancia que tiven unha adolescente que se debía sentir rapaz, mais non pasou dunha observación que hoxe me indica algo, pero non daquela. É posible que nalgunhas amizades mutuas femininas subxacese algo máis que ese sentimento amical, mais a ausencia de manifestacións públicas doutra clase de afectos imposibilita calquera xuízo. Hoxe sei, porque somos amigas, que algunhas daquelas adolescentes eran lesbianas. O silencio e o disimulo da ditadura inda campaban no ano 2000 impedindo que se mostrase conflito.

Publicado en El Correo Gallego (30-07-16)

 

 

 

Advertisements