OS DOUS ENSINOS

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

LIBROS

Circula un ruxerruxe asordinado que ten verosimilitude, pois os que poden pensan moi ben o que han facer e coidan os seus intereses. Segundo din, mentres se instalan na Comunidade Europea sistemas educativos que suprimen a Filosofía e empobrecen as Humanidades, a liñaxe do reducidísimo número de privilexiados que se xuntan nun salón grande e deciden que han facer para seguir  dirixindo o mundo está instalada no seu domicilio cos mellores educadores, como os antigos aios, seguindo un ensino específico ben tradicional en contidos e mesmo en metodoloxías.

Alí volven á disciplina intelectual, ao libro de papel, á valoración da palabra de quen forma, á reflexión sobre o escoitado e lido, ao discernimento de ideas principais, secundarias e superfluas… E tamén están en contacto coa Natureza a través de viaxes planificadas para coñeceren as realidades sen pasar polas pantallas dixitais. Que lugar ocupa a tecnoloxía neste posible ensino exclusivo de quen teñen a chave do pensamento e divulgan, despois de ben seleccionado, só aquilo que deben aprender quen os ha servir na globalidade? Pois parece que o imprescindible, porque certamente non se pode deixar a un lado. Colócana no seu lugar de medio canda outros máis antigos que a eles non lles parecen tan obsoletos coma a nós. Mesmo hai quen di que reinstauraron a pizarra de parede con tiza e a persoal, superando a pésima hixiene do método de borrado con cuspe e bocamanga. Tamén teñen a biblioteca de clásicos universais, que len moi cedo coa axuda de quen os educa, que para iso está. Así coñecen o desenvolvemento da humanidade na mellor gravación: a palabra literaria que foi rexistrando feitos, transmitindo épocas, creando soños colectivos e modelando o pensamento coa apertura da mente a universos complementarios dos existentes. Xa digo que me ten moita verosimilitude, porque mesmo o faría eu se tivese posibilidade, buscando despois unha alternativa á socialización, que no meu caso sería moi difícil por pretender que non sexa selectiva. Pero tamén teñen resolta estoura dimensión educativa, porque só se socializan entre si.

Dicíame un profesor concienciado contra o Plan Bolonia pola diminución de contidos e clases maxistrais, a pouca efectividade de seminarios e turorías e o descenso de esixencia de nivel de profesorado e alumnado, que cando chegou co primeiro PowerPoint prescrito, o seu alumnado lle pediu que falase como sempre, que non se chivarían do método. Querían aprender a expoñer, a expresarse e a razoar á antiga usanza sen letreiriños ao pé. Coñezo o seu valor profesoral, debeu ser certo e alegraríame que o fose. Seguín hai semanas unha serie de televisión na que un profesor de Filosofía poñía a pensar o alumnado cos filósofos de todos os tempos para resolveren as dúbidas e os problemas da realidade próxima. Por que non vai ser certo que quen manda e decide queira aprender a poñer o mundo aos seus pés da mellor maneira? A perversión estivo prevista desde sempre.

Publicado en El Correo Gallego (05-08-16)

Advertisements