ARDEN OS MONTES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Quintá de Cancelada

O título desta columniña non di nada novo e aí reside a gravidade: a repetición ano tras ano dun problema que, sen ser praga bíblica, se mostra inevitable e nos quere arrastrar ao fatalismo. Que pasa e por que pasa son preguntas obrigadas se realmente preocupa á sociedade, cos políticos á fronte, a disipación da terra, o perigo da poboación e da xente que traballa con tanto risco, e a destrución dos nosos montes e a perda da riqueza que podían producir. Quen somos afeccionados a colleitar cogomelos sabemos en que condicións están os montes e as fincas abandonadas á poula. Non temos propiedade sobre as terras e  nada podemos esixir. Pero, como parte da cidadanía, temos o deber de denunciar cal é a situación do terreo montesío arborado ou en matogueiras, así como das fincas abandonadas tras da desfeita do mundo rural. O pasado domingo, con temperatura próxima aos 40º, ergueuse no serán un forte bochorno e, tal como pasara hai 10 anos, empezou o lume a alporizarse no Monte da Pena, mirador rianxeiro sobre a ría de Arousa. Axiña desbordou a parroquia e chegou cerca dalgúns núcleos de poboación. Afortunadamente, foi controlado axiña a pesar das dificultades que lle engade a noite á loita contras o lume. En Galicia ardeu monte toda a semana.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Quintá de Cancelada

De que hai plantadores de lume nesta acción criminal non existe dúbida. Mais non o terían fácil se o terreo estivese preparado para frear a combustión. En primeiro lugar, os eucaliptos, árbores foráneas que colonizaron esta parcela atlántica, son teas indestrutibles que se prolongan no tempo. Cando arde un, repola e reaparecen varios. Parece necesario establecer control sobre esta árbore, substituíndoa en terreos calcinados e novas plantacións por especies autóctonas axeitadas á cada zona, que producen alimento humano ou animal, madeiras de calidade e fermosura na paisaxe. Tamén dan orixe á produción micolóxica da que Galicia pode sacar beneficios económicos e lecer de calidade. En segundo lugar, a broza pode evitarse con animais que a consuman ou retirándoa para biomasa. É urxente reorientar os usos do noso monte como prevención dos incendios. Da transformación teñen que se ocupar as institucións competentes colaborando cos sectores implicados, nomeadamente coas comunidades de montes e veciñais. Precísanse decisións apoiadas nunha acción pedagóxica que mostre as grandes ventaxas dese cambio. Hai que prevenir, mellor que apagar. De non tomarse medidas diferentes a esta política forestal xa fracasada, estaríase dando pé á veracidade da teoría que circula sobre a existencia dunha “industria do lume” que beneficia a diversos sectores á cambio da saúde da terra. Unha négase a crer na existencia de perversión tal que o plantador de lume só sería o parvo útil dunha cadea. Certo que a nosa sociedade parece ser moi  tolerante coa corrupción que, unha vez establecida, é tan difícil de combater como o mesmo lume que nos trae ano tras ano consecuencias ben nefastas para o país.

Publicado en El Correo Gallego (12-08-16)