NO CUARTO ANIVERSARIO DE HELENA

Helena xa ten 4 anos. A avova tal, día coma hoxe, escribía o primeiro poema de “Cancións para Heleniña”.

CANCIÓN PARA NACER

CANCIÓN PARA NACER

Na casiña da mamá
era noite con estrelas
e Helena dumía dentro
alumadiña por elas.

Así foi pasando o tempo
ata que Helena cansou
e quixo saír ao mundo
para coñecer o sol.

Fóra vestíronlle roupa
e puxéron a mamar
e a durmir nun doce berce
cun axóuxere a soar.

E ha de aprender a chorar.
E ha de aprender a comer.
E ha de aprender a falar.
E ha de aprender a correr.

ARDEN OS MONTES

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Quintá de Cancelada

O título desta columniña non di nada novo e aí reside a gravidade: a repetición ano tras ano dun problema que, sen ser praga bíblica, se mostra inevitable e nos quere arrastrar ao fatalismo. Que pasa e por que pasa son preguntas obrigadas se realmente preocupa á sociedade, cos políticos á fronte, a disipación da terra, o perigo da poboación e da xente que traballa con tanto risco, e a destrución dos nosos montes e a perda da riqueza que podían producir. Quen somos afeccionados a colleitar cogomelos sabemos en que condicións están os montes e as fincas abandonadas á poula. Non temos propiedade sobre as terras e  nada podemos esixir. Pero, como parte da cidadanía, temos o deber de denunciar cal é a situación do terreo montesío arborado ou en matogueiras, así como das fincas abandonadas tras da desfeita do mundo rural. O pasado domingo, con temperatura próxima aos 40º, ergueuse no serán un forte bochorno e, tal como pasara hai 10 anos, empezou o lume a alporizarse no Monte da Pena, mirador rianxeiro sobre a ría de Arousa. Axiña desbordou a parroquia e chegou cerca dalgúns núcleos de poboación. Afortunadamente, foi controlado axiña a pesar das dificultades que lle engade a noite á loita contras o lume. En Galicia ardeu monte toda a semana.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Quintá de Cancelada

De que hai plantadores de lume nesta acción criminal non existe dúbida. Mais non o terían fácil se o terreo estivese preparado para frear a combustión. En primeiro lugar, os eucaliptos, árbores foráneas que colonizaron esta parcela atlántica, son teas indestrutibles que se prolongan no tempo. Cando arde un, repola e reaparecen varios. Parece necesario establecer control sobre esta árbore, substituíndoa en terreos calcinados e novas plantacións por especies autóctonas axeitadas á cada zona, que producen alimento humano ou animal, madeiras de calidade e fermosura na paisaxe. Tamén dan orixe á produción micolóxica da que Galicia pode sacar beneficios económicos e lecer de calidade. En segundo lugar, a broza pode evitarse con animais que a consuman ou retirándoa para biomasa. É urxente reorientar os usos do noso monte como prevención dos incendios. Da transformación teñen que se ocupar as institucións competentes colaborando cos sectores implicados, nomeadamente coas comunidades de montes e veciñais. Precísanse decisións apoiadas nunha acción pedagóxica que mostre as grandes ventaxas dese cambio. Hai que prevenir, mellor que apagar. De non tomarse medidas diferentes a esta política forestal xa fracasada, estaríase dando pé á veracidade da teoría que circula sobre a existencia dunha “industria do lume” que beneficia a diversos sectores á cambio da saúde da terra. Unha négase a crer na existencia de perversión tal que o plantador de lume só sería o parvo útil dunha cadea. Certo que a nosa sociedade parece ser moi  tolerante coa corrupción que, unha vez establecida, é tan difícil de combater como o mesmo lume que nos trae ano tras ano consecuencias ben nefastas para o país.

Publicado en El Correo Gallego (12-08-16)

PINTANDO CON PALABRAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Tras da xeiteira

colócanse a ilusión

e a fantasía.

A miña experiencia como fotógrafa artística iníciase no álbum “Os soños da marquesa”, do que colgaba en Facebook unha imaxe diaria. Buscaba creación plástica similar á da pintura traballando con diferentes formas, colores, texturas e maleabilidades para obter resultados distantes da imaxe orixinal: reflexos de auga, madeiras recéns serradas, nós de raíces ao aire, cortizas, lixo doméstico, follas e flores vivas e secas, areas e elementos mariños…

O seguimento da artista plástica María Maza animábame desde Zaragoza cos seus comentarios. Co álbum pensaba facer unha exposición, despois fragmentada. Para esa exposición María Maza escribiu un texto do que entresaco parágrafos: “¿Cómo una escritora se arroja a un mundo casi desconocido como la fotografía? Quizás las pistas las encontremos en los haikus que publica puntualmente, trayendo al mundo de lo sensible sus reflexiones acerca de la naturaleza íntima del mundo. (…) Una psicodelia pura, infinita -entendiendo psicodelia como manifestación del alma-, que paso a paso nos invita a redefinir la poética de lo ordinario, a aplicar una nueva óptica que narre la sensualidad con la que Villar Janeiro nos acerca a la vida. (…) Es como si Helena hubiera reescrito los libros de Paracelso con lápices de colores. (…) He de confesar que durante este tiempo he estado esperando con ansia el regalo para los ojos de las fotos de Helena, cada noche, sigilosamente, en la distancia 2.0 -que es la distancia salvable y únicamente física-.

Despois xa escribín haikus sobre imaxes con interese especial polas augas que mesturan formas e volumes, realidades e espellismos, luces e sombras. O porto Rianxeiro de Setefogas multiplica perfís, confunde dimensións e posturas nunha fonte de gozo para a fotógrafa serodia que ama o abstracto, a polisemia dos contornos e a resemantización das imaxes. A poeta pasa alí horas mirando eses cambios e levando as sensacións tamén cambiantes ás delicadas formas do haiku.

SANYO DIGITAL CAMERA

Pechos os ollos,

mergúllanse os cabelos

por entre as ondas.

Publicado, con seis fotografías e cadanseu haiku, en Grial, Revista Galega de Cultura, nº 210, abril, maio, xuño 2016, sección “Creación”.