UN RURAL VIVO

rural vivo 1

Estes días desenvolvéronse varias actividades de promoción do noso rural, unhas lúdico-reivindicativas e outras de intervención sobre el ou con propostas de actuación para poñelo á altura do  século XXI, que non pode ser o abandono por derrubo. O mundo rural galego, por variedade e por riqueza natural, histórica e antropolóxica, ten versatilidade para un cambio efectivo e diversificado. Hai moitas voces clamando polo compromiso dunha sociedade que non pode pensarse só en clave urbana, porque o rural é produtor alimentario e de calidade medioambiental. Nos Ancares clausurouse o pasado sábado a VII edición do Campo de Traballo Internacional para o desbroce, reparación de pontigos e repintado da Ruta Quintá-Río Donsal, proxecto da asociación Castiñeiro e Nogueira que foi finalista do Premio Europa Nostra. Este voluntariado participa en talleres de elaboración de produtos agropecuarios da zona con degustación comunitaria. A ruta abriu a comarca de Cancelada ao mundo coas novas tecnoloxías e propiciou xa a restauración de casas e pallozas, e a creación dalgún establecemento de hostelería.

rural vivo 3Ese mesmo día 27, celebrouse no castelo de Doiras a IV edición de Festa da Involución Educativa que organiza a ANPA do CPI de Cervantes para defender o dereito a unha educación de calidade na montaña e no rural. Colabora o CDR Ancares e está concebida como xornada de convivencia con roteiro cultural, mostra de produtos comestibles e artesanais da zona, xogos coas crianzas, música en directo e unha lección ocasional impartida por especialistas no coñecemento da zona, hogano sobre o propio castelo medieval que se atopa en estado lamentable canda os dous compañeiros da comarca. Tamén na fin de semana se celebrou en Monterroso –Granxa Maruxa de Cumbraos- a III edición do Festival Agrogay, tantando abrir o rural á nova visión da condicional sexual das persoas ao mesmo tempo que reinvidica cambios do mundo agrario para non botalo nas mans das multinacionais, senón buscando novas oportunidades de modos de vida, da explotación do campo, e do traballo digno e produtivo para as persoas, facendo riqueza da diversidade.

rural vivoNesta mesma dirección de facer os cambios que precisa o noso rural con urxencia, un total de trece colectivos interesados nun tema cuxo alcance afecta a toda a poboación galega presentou tamén estes días en Pontevedra o manifesto “Compromiso por un mundo rural galego vivo”. Achegaránllelo ás forzas políticas que se presentan ás eleccións autonómicas do 25 de setembro para a súa consideración. Advirten estes colectivos, como as asociacións devanditas levan facendo varios anos, do alto grao de envellecemento da poboación e do abandono do campo coas súas graves consecuencias de alteracións no ecosistema da que as máis visibles son as grandes superficies afectadas polos incendios forestais, que atopan o monte abandonado dos usos tradicionais practicados durante séculos, a perda de biodiversidade e a desestruturación territorial.

Publicado en El Correo Gallego (02-09-16)

Advertisements