NA COSTA ÁRTABRA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Entre as múltiples posibilidades de elección para pasar uns días de descanso, goce e aprendizaxe de Galicia, e non só dela, está a costa do Golfo Ártabro, como lle chamou D. Ramón Otero Pedrayo, o xeógrafo de noso que facía poesía describindo a terra, e os grecorromanos Estrabón, Pomponio Mela e Plinio designaron co nome de “Portus Magnus Artabrorum”. O mes de setembro é un tempo ideal para percorrela, porque desce a saturación de visitantes. Tamén porque é tempada na que se pode viaxar con moi boa luz e o día é longo para os percorridos. É tal a diversidade de elementos paisaxísticos que se volve coa impresión de ter revisado o mundo con só andar parte dos concellos de Cariño, Cedeira, Ferrol, Narón, Valdoviño, Ortigueira, Ares  e Mugardos. Para a ancaresa que tivo a sorte de estar en Noruega case á altura do círculo polar por este tempo, a impresión esténdese ás veces a crer que xa viu en Escandinavia a paisaxe dunha Galicia comprimida na que se xuntaran Os Ancares e as rías, escarpadas como os fiordos. A escala é aquí máis reducida, pero igualmente sobrecolledora. O itinerario mostra todas as caras do mar. Desde os acantilados do cabo de Ortegal, punto cero da unión do Catábrico e o Atlántico, con sorte de que o día non estea turbado pola brétema amante ela tamén destas paraxes, o mar pode verse bravísimo contra os aguillóns ou suave como unha danza tecedeira de blondas para as sabas máis luxosas de Neptuno. Unha visión similar tense desde a Vixía Hebeira, onde a terra vive case en soedade non sendo polo gando en liberdade e os xeradores eléctricos que aproveitan o vento para crear enerxía limpa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Baixando das alturas, atópase san Andrés de Teixido, lugar de peregrinación que mantén a súa fasquía equilibrada na venda de exvotos, recordos e amuletos. Ás praias dunares de Cariño ou Valdoviño chega un mar desbordante en sons transversais con baixo continuo de fondo que parece esperarnos para o baño. Dá medo e atrae a un tempo, mentres a area máis moída se deixa arrastrar pola brisa como bafo que pousa nos montículos móbiles onde florea a azucena de mar e un que outro ramalliño que azulean ese hábitat como en mosaicos dispersos. A lagoa de Valdoviño acolledora de máis de mil aves acuáticas de paso durante o inverno loce unha vexetación palustre de sumo interese. En todas as beiras aparece o fiúncho mariño madurecendo as umbelas dos froitos en contraste co verde das súas follas carnudas. Fixándose, vese que onde chegan hálitos de salitre naceron as malas herbas que hoxe buscan os cociñeiros especializados para dar novos aires aos pratos de peixe. E canto gusta descubrilas. Miradores sobre as rías para gozar de panoramas singulares, monumentos que resisten a decadencia como o mosteiro de Santa Catalina en Ares que ten como árbores do seu xardín externo de sebes xeométricas a castiñeiros centenarios, variada gastronomía e unha infraestrutura hosteleira moi aceptable completan un destino que merece moito a pena.

Publicado en El Correo Gallego (09-09-16)

 

Advertisements