ESAS ESTRADAS NOSAS

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

A BRÉTEMA NA A8

Para se desprazar por Galicia podemos tomar a decisión de ir pola estrada vella, a nova ou a do medio. O máis sensato, con algo de tempo, é tirar pola do medio para ir bordeando poboacións que se coñecen e se queren e gozando da paisaxe que inda se recoñece. Desde ela divísanse as reviravoltas das que se facían con moita man de obra, pouca maquinaria e limitada tecnoloxía, e o impacto ambiental das novas ata que poida que cheguemos a ver como obra de arte. As do medio non adoitan ser moi frecuentadas, polo que conducir non causa tanta presión se, con algo de sorte, conservan o firme pintado e en estado aceptable, que cada vez é menos frecuente. A vella é a máis señardosa e métese por entre vilas e lugares. Sendo a menos transitada, adoita ser tamén a máis perigosa porque se pode sentir a impresión esaxerada de que non a usa ninguén máis e levar moita folganza no tino de cinguirse á man correspondente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

POLBO EN MONDOÑEDO

Sendo o anterior bastante xeralizable na xerarquía e independencia das tres vías, se non é necesario un desvío obrigado para ultimar o punto de destino pasando polas tres, hai unha excepción moi importante no tránsito común: o desprazamento pola Autovía do Sol, así designada xa por quen habitan o seu circundo nas terras próximas a Mondoñedo. Autovía do Sol non quere dicir que nos vaia cegar a claridade nin que haxa que activar a ventilación pola excesiva temperatura. Vén sendo unha advertencia á galega de que non se pode transitar por ela a causa da brétema nun tramo de 16 Km entre A Xesta (Abadín) a Arroxo (Lourenzá), que adoita ser especialmente mesta no entorno do Fiouco (A Pastoriza). Nese espazo, para evitar graves accidentes como xa ocorreron  cando entrou en funcionamento, ao reaparecer o  reiterativo fenómeno meteorolóxico de toda a vida, desvían o tráfico pola estrada do medio (N-634), o que permite rozar a cidade de Mondoñedo e nos tenta a detérmonos para bencomer e pasear polo berce de Cunqueiro e outros escritores e artistas,  que ten moito encanto, incluído o cemiterio. Contemplar os arredores desde aquel val permítenos contrastar unha curiosa realidade xeográfica. Por un lado, vese a despexada ladeira do primeiro trazado que parece pintiparada para que por alí pasase esa A8, de construción azarosa e dilatada no tempo, nacida en Euskadi e que, de momento, acaba na unión coa AP9 en Bamonde. Polo outro, os montes cunha ponte colgada por entre eles, que é o trazado definitivo, cunha brétema difusa que crea un pintoresco trasfondo de irrealidade ao irse sumido todo na cegueira do curuto polos lados. Dicía o xornalista Borobó que a estrada entre Rianxo e Quintáns a trazara unha un burro que levaban diante os responsables do plano. Así son as de última categoría, pero as novas terán detrás especialistas interdisciplinares dos que alguén entenda de Meteoroloxía. E os que traballaron tanto tempo na súa execución deberon ver que algo raro pasaba alí. A veciñanza non a botaría por ese lugar nin tola.

Publicado en El Correo Gallego (17-09-16)

Advertisements